25/06/2011

6.000 anos de lume forestal

El País
24/06/2011
Santiago

A terra galega débese a "paleoincendios" provocados, segundo unha tese do CSIC

Os aboríxenes de Australia, os indios na selva do Amazonas e os galegos nas carballeiras. Por distintos motivos incendiaron o seu arboredo desde antigo, no caso concreto dos galegos, desde cando menos o 4.000 antes de Cristo. Facíano para aclarear o terreo, que hai 9.000 anos comezou a poboarse de carballos, co fin de dedicalo ao pastoreo. E a proba está gravada na terra, por exemplo na que rodea os petroglifos de Campo Lameiro, un lugar moi habitado desde antes da Idade do Bronce, do que o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Universidade de Santiago extraeron e analizaron máis de 200 mostras. Os resultados récolleos a tese doutoral dun holandés de 31 anos, Joeri Kaal, investigador asociado do CSIC que, tras comprobar que "a cultura do lume ten polo menos 6.000 anos" no noroeste peninsular, planea quedar en Galicia para seguir facendo arqueoloxía da paisaxe noutros lugares con petroglifos e moi deforestados, como a illa de Ons.

Hai once milenios, Galicia era unha chaira moi fría, de arbustos e herbas.
O solo típico do monte galego é o ránker atlántico. Coincide co de outros moitos lugares da costa occidental de Europa, pero aquí se diferencia, sobre todo, por unha cousa. É un dos máis ricos do mundo en carbón vexetal. A proba pódese facer en infindade de concellos: a terra é negra, a capa é profunda (até atopar o penedo, é necesario escavar unha media de tres metros) e hai un alto contido en materia orgánica, da que en Galicia entre un 30% e un 40 % son residuos do lume.

"O concepto ´autóctono´ é moi relativo", defende Joeri Kaal, "qué é o autóctono en Galicia, se hai 11.000 anos era unha estepa moi fría, onde predominaban os arbustos e as herbas?". O ránker é un "arquivo físico dos cambios ambientais" no que quedan rexistradas as transformacións que ten sufrido o clima e a vexetación. A capa máis baixa, en Campo Lameiro, corresponde a 9.000 anos antes de Cristo, 11.000 deica agora. Despois, nun período máis cálido, empezaron a prosperar formas de vexetación máis altas, e daquela medrou o carballo.

Os galegos daquel tempo non buscaban fertilizar a terra. O que querían era alimentar o gando. O carballo, despois dun lume, tarda en alcanzar a madurez sexual para reproducirse. E entrementres, a uz, o albedro, o toxo e a xesta se apropian rapidamente da superficie. Tras aqueles primeiros incendios forestais, terminou por mandar a uz, pero bastante máis adiantes no tempo foron os propios galegos quen axudou ao toxo a tomarlle dianteira. Tiñan unha importancia enorme como fertilizantes, e "o homes preocúpouse por propagar a súa semente". Ademais, segue a explicar Kaal, o toxo contaba cunha vantaxe adicional: adaptouse tanto ao lume que incluso lle convén; as súas semillas están cobertas dunha resina que debe derretirse coa calor para xermolar.

A idea de centrarse en Campo Lameiro non foi do holandés, que chegou casualmente a Santiago dentro dun proxecto de investigación europeo. Era o profesor do CSIC Felipe Criado o que estaba reclamando un investigador para este espazo que en xullo abrirá ao público como parque arqueolóxico de arte rupestre. Con Criado, dirixiu a tese de Kaal o catedrático de Santiago Antonio Martínez Cortizas. E para levar a cabo a análise houbo que aplicar métodos procedentes da antropoloxías, a química orgánica, a edafoloxía e a arqueoloxía da paisaxe. É, segundo o CSIC, o estudo máis exhaustivo que se fai en Europa para reconstruír o contexto ambiental da arte rupestre.

O ránker galego empezou a formarse desde a primeira metade do Holoceno, en ciclos de erosión e sedimentación. O carbón procedente dos "paleoincendios" permanece aí abaixo, difícilmente dixeribel polos microorganismo e a penas mudable pola auga de chuvia.

Kaal, afeccionado ao monte, asegura que nos de Galicia é quen de adiviñar a simple vista moito dos costumes ancestrais. Xa co microscopio electrónico e diversas técnicas bastante sofisticadas, cando observa un fragmento de carbón procende de carballo o recoñece polos poros que presenta cando se corta. "Os trazos do piñeiro, por exemplo, son totalmente diferentes". Ademais, nas capas correspondentes a 6.000 anos atrás, cando comezou a regresión da masa forestal, tamén se conserva polén perfectamente identificable, como o polén do chantaxe e o da ortiga, e esporas de fungos. Todo isto "suxire prácticas de queima para aclarar o monte para o gando". Iso si, "farían falta outro tipo de análises", agora, para saber qué tipo de animais adoitaban pastorear naquela zona de Pontevedra hai seis milenios.

9 comentários:

  1. é q se non nolo conta o CSIC non ten credibilidade.. en fin.. non é nada novo que non souberamos.. que o lume é a cerna da nosa identidade, que sen lume non estariamos acó, que de non haber lume pra quencer as noites de inverno, pra asar e cocer a nosa mantenza, que sería de nós..? non quedaría nin a verba "LUME"

    ResponderExcluir
  2. A cuestión de que sexa o CSIC é case un casual. Para comprender mellor o que acontecía na época na que se facían os petroglifos en Campo Lameiro fixeron un estudo edafolóxico.
    Polo que se ve, os resultados deron lumes forestais provocados para despexar o monte. E dese modo formouse un solo rico en carbón vexetal.
    Esas prácticas continúan a facerse hoxendía con idénticos motivos. Agora xa é outro tema ben distinto cualificar eses marcadores culturais como parte da nosa herdanza cultural ou como salvaxismo.

    Para outro debate serio daría a cuestión de que sexa o CSIC quen publique isto, pois é dos poucos que publica sistematicamente sobre arqueoloxía galega.

    ResponderExcluir
  3. pero non me negarás que o sistema tradicional de desbroce para creación de pastos foi e segue a ser o lume.. só fai falla ver o número de queimas controladas que se realizan nos meses de outono e inverno no noso país pra decatarnos desta cuestión. Outra cousa ben distinta son as causas destos lumes, pois se na actualidade entre un 80 e un 90 por cen dos lumes forestais débense á man do home, no pasado este feito pode ser discutible se temos en conta a superficie forestal que existía ata finais do século XIX e a inexistencia de medios de extinción materiais co que o número de hectáreas calcinadas podería dispararse superando con creces as actuais. É só unha opinión, non teño datos coma o CSIC.

    ResponderExcluir
  4. Pero daquela o monte estava mais limpo, porque se aproveitava tudo, havia mais ganderia solta rilhando nos toxos, e não havia eucaliptos pirofilos cambiando a folha tudo o ano, em fim

    O da desflorestação na Idade do Bronze sabia-se vai anos, nos Penidos atoparam restos de picos de contaminação durante a época que se interpretarom por dous feitos: a desflorestação para cultivar terras, e a desflorestação para fazer carbom vegetal que alimenta-se os fornos metalúrgicos Por outro lado, parece que polos pólenes os do Museu de Vilalba verom que possivelmente o uso do lume para desforestar possivelmente já empezou no paleolítico quando um cambio no paleoclima aumentou o numero de carbalheiras com muitos carvalhos pero poucas erva para que pastaram os cervos, polo que os cazadores decidirão prender lume ao monte para fazer pradarias onde puderam pastar os cervos e corços que caçavam

    Pelo que pares empeçámos a queimar o monte ainda antes de empeçar a cultivar, possivelmente a practica de tranformação do meio mais longeva da nossa historia, muito antes de que empeçara-mos a furar montes e fazer autoestradas pelo meio de Circulos "Liticos"

    ResponderExcluir
  5. Umas fotinhos alusivas, não viriam mal Lois, coa época do ano na que estamos não hám faltar ;-)

    ResponderExcluir
  6. Outra coisa o toque sentaçonalista tipico da prensa espanhola de pretender fazer disto algo idiosincrasico, "costumbrista", um quase determinismo "regional", pero em fim, são jornalista, o qual aqui significa uma escasa especialização a diferenza doutros paises europeus onde existe uma tradição de jornalistas especializados em campos muito concretos como as CC Natuarais e Fisicas a Arqueologia, etc, a esta se une como segundo elemento uma "cultura geral" adquerida fundamentalmente no colegio e no instituto, e nunca mais "reseteada" nem ampliada, em fim, que com estes vinvios o que temos é um ignorante funcional que escreve para outros ignorantes funcionais por regla geral e em fim, ... que lhe vamos pedir

    ResponderExcluir
  7. Sobre o holandes em concreto: http://joerikaal.nl/

    Como vedes o primeiro artigo sobre o tema e de fai 3 anos

    ResponderExcluir
  8. Ah Mourelo, coido que estamos a dicir o mesmo. O que ti defines para a actualidade, é o que CSIC definiu na nosa prehistoria.

    E efectivamente, Sr. Archeoten. penso que foi Paul Pettit o que definiu a deforestación por lumendesde o paleolítico como elemento creador do solo, con solos ricos en turba (de aí a explicación posíbel á turbeira de cobertura). E claro está que esa explicación como ben sabes é valida para o Xistral, o que nos está a falar dunha ocupación longa do territorio que ti tan ben coñeces.

    ResponderExcluir
  9. E falando de Lume mira precisamente o que me atopei hoje:

    https://fireecology.net/docs/conferences/4IFEC/Presentations/274.pdf

    Se é que se me pom delante o "lume" ;-)

    ResponderExcluir

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.