28/04/2011

Na procura do patrimonio rianxeiro

La Voz de Galicia
26/04/2011
Rianxo

Non é que aos rianxeiros lles embargue o espírito de Indiana Jones cada vez que se dispoñen a tentar acadar algún dos numerosos recursos arqueolóxicos diseminados polo municipio, é que non lles queda máis remedio. Iso sentiron os integrantes dunha comitiva que hai uns días visitou algún dos xacementos máis importantes do municipio. Os aguerridos sendeiristas víronse obrigados a usar os bastóns que portaban para apoiarse e facilitar a camiñada con ferramentas indispensables para abrirse paso entre a maleza. E é que, o que prometía ser un tranquilo paseo polo monte, converteuse nunha odisea en busca dunha arca perdida que, neste caso, ben podería chamarse petroglifo da Foxa Vella ou mámoas dos Campiños.

Estado actual da cámara megalítica da mámoa do Campiño

O punto de partida da ruta foi Rianxiño, onde existe un castro descoñecido para boa parte dos veciños da localidade. Aínda que o certo é que nunca se escavou, de modo que o único que alí pode verse é un montículo infestado de árbores e plantas e rodeado dun foxo cuberto pola vexetación.

Seguindo co trazado previsto, nova parada nunha zona pedregosa na que, o que máis e o que menos, párase a observar cada roca en busca de sinais prehistóricos. Parece ser que a zona está infestada de petroglifos, aínda que a maleza e o espolio das pedras dificultan a tarefa de dar con eles.

Petroglifos da Foxa Vella 1 (Galería do CRA de Rianxo)

A zona do Alto do Corniño é o seguinte lugar de observación, aínda que os profanos na materia acaban por pisar os gravados -que amosan peculiaridades propias de Rianxo como o debuxo das patas dos cervos con tres trazos- para evitar que os toxos campen ás súas anchas. Ao parecer, unha malla laranxa sinalizaba os elementos arqueolóxicos, pero acabou irremediablemente engulida pola maleza.

Petroglifos da Foxa Vella 2 (Galería do CRA de Rianxo)

Con todo, a gran aventura do día, que obrigou aos máis fortes do grupo a librar unha batalla a corpo descuberto coa natureza, foi a chegada ao petroglifo da Foxa Vella, xa na parroquia de Asados. Trátase dunha pedra infestada de petroglifos que conta con elementos tan inusuais como a marca dunha man, puñais ou cruces. Un suspiro de alivio escápaselle a un cando ao chegar ao lugar ve finalmente a pedra. Porque antes foi preciso ir abríndose paso a bastonazo limpo entre a espesa vexetación, máis alta que os excursionistas nalgúns tramos, e baixar por un empinado e esvaradío terreo. E iso que non fai tanto, no 2006, a Xunta realizou un investimento para a súa posta en valor.

Petroglifos da Foxa Vella 3 (Galería do CRA de Rianxo)

Para chegar ao petroglifo da Foxa Vella é preciso abrirse paso a bastonazos.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.