29/04/2011

Congreso Internacional sobre o Campaniforme en Poio


Congreso Internacional de Campaniforme: Desde o Atlántico aos Urales

Onde e cando: Poio, Galicia, 5-9 Maio 2011

A próxima semana entre os días 5 e o 9 do maio de 2011 celebrarase en Poio, Pontevedra (Galiza), o XV Congreso Internacional sobre o Vaso Campaniforme organizado pola Universidade de Santiago de Compostela, o CNRS e a Asociación Archéologie et Gobelets.

O Congreso céntrase no periodo comprendido entre o III e II milenio a.C. na Europa, cunha énfase especial na cultura Campaniforme, que se estendeu por boa parte dela. Este ano a temática do Congreso centrarase sobre todo naqueles aspectos relacionados coa mobilidade de poboacións durante a transición entre o Neolítico e a Idade do Bronce, un período marcado por profundos cambios nas esferas económicas, sociais e relixiosas. Aínda que a cerámica Campaniforme dá o seu nome ao fenómeno e ao período, analisaranse tamén os outros elementos en xogo neste complexo e entre os que o campaniforme constitúe un máis entre os indicadores da cultura material que nos amosan estes fenómenos de mobilidade e circulación durante este periodo da prehistoria, alongándose así pois a temática a outros elementos non "cerámicos" como a produción de sílex, a arqueometalurxia, o traballo e comercio de metais preciosos, ámbar, etc, sinalándose asemade os avances aportados nos últimos anos polas distintas sub-disciplinas arqueolóxicas ao coñemento desta época: desde o estudo da tecnoloxía ao do paleoambiente ou a paleodieta.



Máis información en: XV Bell Beaker Intern. Congress

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.