15/02/2011

Tractores e vacas transitan en Mondariz por riba de petroglifos de 4.000 anos

El País
13/02/2011
Lugo

A maior superficie de arte rupestre de Galiza, uns 200 metros cadrados de rocha gravada con petroglifos que abarcan un arco temporal de máis de 4.000 anos, está cuberta de excrementos do gando e soporta a diario o paso de maquinaria agrícola. E todo a pesares de que se trata dun Ben de Interese Cultural e de que a Xunta coñece o asunto dende fai máis de ano e medio. O conxunto permanece abandoado sen ningunha protección por máis que recentemente teñan descuberto dous laberintiformes, unha tipoloxía moi especial de petroglifo da que só se coñecen en Galiza cinco exemplos.

A estación de Pé da Mula, en Mondariz (Pontevedra), está situada ao carón dunha pequena explotación gandeira. Os seus animais andan libremente por riba da rocha gravada, e depositan "grandes cantidades de bosta" sobre dela. Isto provoca unha "pequena pero continua alteración" dos petroglifos e "degrada" a visita e a súa visualización, segundo un informe da Dirección Xeral de Patrimonio. Un muro de ladrillo e un galpón da granxa como fondo arquitectónico tampouco contribúen a crear o entorno óptimo para o disfrute destas obras.

Anxo de Prado e Manuel Ledo no lugar onde se atopan os petroglifos

No documento, ao que tivo acceso EL PAÍS, consta que xa en xullo de 2009 resolveuse multar ao propietario da granxa con 3.000 euros e a obriga de derrubar os elementos construtivos citados nun prazo máximo de dous meses. Pola contra, ata hoxe as sancións non se aplicaron, aínda que case un ano despois, en xuño de 2010, o arqueólogo que redactou o informe propoñía incoar un novo expediente. Fontes da Consellería de Cultura xustifican esta demora en que o dono da explotación presentou un recurso e admiten que non existe unha data concreta para a súa resolución. Rexeitan que a súa lentitude agoche unha certa permisividade con este tipo de accións, mentras alegan a obriga de preservar a seguridade xurídica.

As miras do departamento autonómico tamén se dirixen hacia outro obxectivo, a Comunidade de Montes de Sabaxáns, propietaria dos terreos sobre dos que se asentan a instalación agrícola e os petroglifos. A esta corresponde a conservación d Ben de Interese Cultural, que conta coa máxima protección, segundo dicta a Lei de Patrimonio galega. O seu incumprimento acarrexa unha infracción grave.

Por isto, o arqueólogo do servizo territorial da dirección xeral elaborou outro escrito, datado o 7 de xaneiro deste ano, no que dá un prazo de dous meses á comunidade para presentar un sinxelo proxecto de valado da zona gravada, consistente en simples postes e traveseiros de madeira tratada que impidan o paso do gando. "Nós non nos negamos, pero non temos diñeiro para facelo", comenta o presidente, Ceferino Bello, que explica que, coa axuda do Concello, farán unha proposta. Adianta que non poderán executalo porque non dispoñen de capacidade económica namentras agarda que chegue algunha subvención.

Alleos a este lío administrativo, en setembro do ano pasado dous aficionados á arqueoloxía, Anxo de Prado e Manuel Ledo, descubrieron baixo a capa de bostas novos gravados que dotan de aínda máis valor ao conxunto. Trátase de dous laberintiformes, o obxecto de desexo dos amantes ao arte rupestre. Se en Galiza están catalogados máis de 2.000 petroglifos, só cinco pertencen a esta tipoloxía.

Namentras a Xunta segue prolongando os procedementos administrativos abertos e os propietarios eluden as súas responsabilidades na conservación do patrimonio, vacas, ovellas e tractores seguen pasando por riba de máis de 4.000 anos de arte rupestre.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.