01/10/2009

Arousa Norte presentará o mes que vén o seu xogo virtual

La Voz de Galicia
26/09/2009
M. X. Blanco

O proxecto no que Arousa Norte traballa desde fai tres anos está a piques de dar os seus froitos. Está previsto que a comezos do mes que vén preséntese o xogo virtual Travel in Europe, un soporte que permitirá percorrer, a través de Internet, catro localidades da comarca, así como as zonas escollidas nos outros sete países que están adheridos á iniciativa.

A técnica de Turismo de Arousa Norte Mónica Garrido participou hai uns días en Xénova nunha reunión de traballo na que se ultimaron os detalles da presentación deste xogo virtual. Do que se trata é de levar a cabo unha exhibición de tres xornadas de duración, que se fará de forma simultánea en todos os países.

O obxectivo é que a presentación teña lugar entre o 8 e o 10 do próximo mes. Nas dúas primeiras xornadas participarán alumnos dos centros educativos da comarca, mentres que o terceiro día farase unha exhibición aberta a todo o público. O dato destacable é que os barbanceses que se animen a probar o xogo terán a oportunidade de interactuar con participantes doutros países.

De momento xa está confirmada a participación nesta experiencia de cinco centros da comarca, pero a convocatoria aínda non está pechada, polo que poden sumarse outros colexios. O único requisito é que os potenciais xogadores deben ter entre 14 e 18 anos.

Estes mozos, así como os veciños que se sumen á presentación o terceiro día, terán á súa disposición un xogo que lles permitirá superar probas, boa parte delas relacionadas con contidos de carácter cultural, á vez que fan unha viaxe virtual por diversos lugares de interese de Barbanza.

Recreación de zonas
En Ribeira, os internautas percorrerán o parque dunar de Corrubedo, onde coñecerán as lendas existentes sobre o lugar e o patrimonio que esconde. Na Pobra, o xogo ten como escenario o Museo Valle-Inclán, mentres que de Rianxo recreouse en tres dimensións a rúa de Abaixo. A parte de Barbanza complétase con Boiro, que contribúe cunha reprodución da ruta das mámoas.

A Casota do Páramo, un dos elementos que inclúe o xogo

A maiores, os internautas poderán facer unha visita virtual pola ría de Arousa, facendo paradas nas illas máis características ou nas bateas.

O proxecto Travel in Europe naceu co fin de fomentar e divulgar o patrimonio cultural europeo e non pretende ser un substituto das viaxes, senón un incentivo para que os xogadores se anímen despois a percorrer persoalmente os escenarios que viron a través da pantalla do computador.

Os responsables de Arousa Norte están convencidos de que esta ferramenta constituirá unha arma fundamental para a promoción do patrimonio cultural da zona. Ademais, a participación de Barbanza neste proxecto permitiu a inclusión do galego no xogo.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.