28/07/2009

Marcha dos veciños de Salcedo en contra das obras ilegais da Brilat nos seus montes

Máis dun millar de personas participaron hai un mes na marcha a pé organizada polos veciños da parroquia de Salcedo, en Pontevedra, afectados pola franxa de seguridade do cuartel da Brilat. Ao remate da mesma leuse un manifesto en contra dos proxectos do Ministerio de Defensa sobre esta zona, que "expulsan aos veciños e consolidan a usurpación do monte de San Martiño, que era comunal e imprescriptíbel".

A manifestación ía encabezada por unha pancarta co lema 'Non ás franxas de seguridade, non ás obras ilegais no monte dos veciños'. Entre os asistentes estaban o deputado nacionalista Bieito Lobeira, o alcalde socialista de Vilaboa, José Luis Poceiro, os ediles nacionalistas do concello de Pontevedra Demetrio Gómez e Luis Bará, e representantes de varios colectivos sociales e veciñais.

A marcha partiu do campo de fútbol de Salcedo, en cuxas inmediacións situáronse varias unidades de policías antidisturbios, que foron mudando a súa posición ao longo do percorrido efectuado polos veciños. Así, os manifestantes avanzaron monte a través, ata chegar a unha pista que rodea a zona na que Defensa construiu a recreación dunha aldea afgana.

Os veciños tamén pasaron preto doutras edificacións nas que os militares da Brilat instrúense en combate en poboación. Esa zona estaba custodiada por efectivos do acuartelamento, con apoio de axentes antidisturbios. Non obstante, a marcha desenrolouse sen incidentes e os veciños continuaron o seu itinerario ata o punto de inicio.





MANIFESTO
O secretario da Organización Galega de Comunidades de Montes en Man Común, Carlos Morgade, leu o manifesto no que criticou que a franxa de seguridade da Brilat e as obras efectuadas por Defensa "afectan negativamente ao valor das posibilidades futuras das propiedades, o patrimonio cultural, ao desenrolo urbanístico da parroquia e en definitiva á calidade de vida dos veciños".

Morgade defendeu a "singulariedade histórica" dos montes veciñais comunais de Galiza e solicitou a intervención do concello de Pontevedra e a Xunta, argumentando que "os proxectos do Ministerio menoscaban as competencias de ordenación do territorio". O secretario desta organización sostén que a franxa de seguridade supón "importantes limitacións" ás 2.900 hectáreas de terreo afectadas.

"O que pretenden facer en Salcedo é un cambio unilateral das condicións de cesión realizado no seu día polo concello", afirmou Morgade no seu discurso, "e este cambio non se pode facer gratuitamente se estamos nun Estado de Dereito".

Finalmente, o presidente da nova xunta reitora da Comunidade de Montes de Salcedo, Fernando Pintos, referíuse á movilización social coma "un paso máis na defensa da capitalidade" de Pontevedra.

Para Pintos, "defender a capital é pór en valor o seu territorio e non consentir que un cuartel teña hipotecadas 2.900 hectáreas de terreo que comprimen á cidade". Por isto, demandou que "se a Brilat é unha empresa, que cumpra as leis como as demais”.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.