21/06/2009

Atopados os restos de dúas vítimas do lobishome Romasanta

La Voz de Galicia
21/06/2009
Jesús Manuel García

Máis de cen anos despois, non todo está dito aínda acerca de Manuel Branco Romasanta, o lobishome de Allariz. En Newbery, estado norteamericano de Míchigan, atópase a Fundación Lycan, adicada a estudar os casos de licantropía do mundo. Un dos seus proxectos é o do Sacamanteigas de Ourense. O antropólogo Ivort Macsaw localizou nesta provincia dous esqueletes que, segundo di, pertencen a persoas asasinadas por Romasanta a mediados do século XIX.

Os restos estaban inhumados nun terreo do municipio de Castrelo de Val, próximo ao límite con Laza, segundo Macsaw. A muller sería Benita García Branco, de 34 anos, e o varón, o seu fillo Francisco, de 10 anos, dúas das vítimas de Romasanta. Ivort Macsaw estudou o terreo durante dous anos. Percorreu os lugares polos que pasaba Romasanta e leu todo canto sobre este home se leva publicado. Sinala que esas dúas vítimas «foron executadas con prácticas moi violentas, o 13 de marzo de 1847». Os restos óseos foron analizados por forenses da Universidade de Míchigan, que certificaron que «presentan deformaciones debido ao canibalismo practicado sobre elas polo asasino Romasanta». O resultado confirma a declaración do licántropo tal como a contou na Audiencia da Coruña en xullo de 1853. Este home padecía un trastorno mental que facía que confundise a súa identidade coa dun lobo. O 9 de novembro de 1853 foi condenado como autor de nove asasinatos. Aínda que declarou que cometera trece, a xustiza soamente considerou probados nove.


O alguacil de León
Ivort Macsaw mantén que Romasanta percorreu lugares para cometer os seus crimes ata fóra de Galicia. Así, sinala que estivo no mosteiro de Carracedo, no Bierzo, preso no Cárcere da Coroa de Ourense e deixouse ver no Balneario de Caldeliñas (Verín). «Todos estes datos forman parte do descubrimento, que se converte nun achado arqueolóxico e histórico de primeira magnitude», sinalan os responsables da fundación, que esperan seguir dando luz sobre este caso.

Agora tratan de localizar os restos doutro desaparecido, o alguacil de León, que poden estar nalgún lugar da comarca berciana. O antropólogo Ivort Macsaw consultou -segundo explica- «desde os libros que se editaron ata os artigos da prensa inglesa, francesa ou arxelina que recolleron o caso na época». Engade que non é doado separar a lenda dos feitos reais, como tampouco é sinxelo reconstruír o caso por «o pouco interese que a xustiza da época mostrou en esclarecelo». A Fundación Lycan enviou a Macsaw a comprobar os datos dispoñibles. Foille útil estudar a cartografía e a medición dos tempos, «extrapolando as datas que Romasanta confesou á xustiza cos datos que extraín de mapas. A mediados de 1800 os camiños ourensanos non discorrían por onde o fan hoxe, as liñas que delimitan os municipios eran distintas e non había embalses -di Macsaw- . foi importante descubrir os documentos dun anticuario de Verín. No rexistro de entrada do balneario de Caldeliñas comprobei como Romasanta rexistrábase en datas coincidentes coas que dixo cometer os asasinatos. Os crimes non deberían cometerse lonxe de alí».

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.