03/05/2009

Federico Silva: En Rañalonga hai unha mámoa de 30 metros de diámetro e 3 de alto

El Correo Gallego
3/05/2009

Un auditorio -o do centro polivalente de Brión- ateigado para presentar un libro non é moco de pavo. E implicar a todo un municipio na defensa do seu pasado, tampouco. Nembargantes, o profesor de Logrosa (Negreira) Federico Silva Cobas -con residencia no municipio mahiano e posto de traballo como matemático no IES Castelao de Vigo- conseguiu involucrar tanto ao seu alumnado como aos veciños para escavar na historia local, presentando o volume Nas raíces de Brión: as mámoas de Rañalonga, que coordinou para sacar á luz 21 megalitos.


- Pois ten mérito dar a luz esta publicación dende a docencia, e por riba dende un centro pontevedrés

- A alma máter deste proxecto é o brionés Luciano Pena Andrade; fai xa cinco anos que me comentaba o seu interese, e o do Concello, por localizar as mámoas de Rañalonga ante o temor de que desapareceran. Eu fixen un pouco de perito, porque me encanta pasear, e Luciano meteume na cabeza a necesidade de escribir un libro.

- Perdoe que insista pero... Un libro sobre Brión feito en Vigo?

- No IES Castelao nomeáronme coordinador dun proxecto interdisciplinar, con varios alumnos e mestres, e decidímonos por esta temática. Colaboraron tamén veciños de Ames, Santiago e Brión, como Víctor Castro, que escribiu sobre os precursores, ou José Manuel Cornes, que aportou fotos.

- Están concienciados os veciños sobre o que teñen nas súas leiras?

- Adoitan falar de covas dos mouros que, sorprendentemente, asocian cos franceses. Con esta iniciativa tratamos de pór as cousas no seu sitio, divulgando que en Rañalonga existen construcións monumentais de fai 5.000 anos, e entre elas unha mámoa, a do rei, que ten trinta metros de diámetro e tres de altura, impresionante entre as que investigamos. Ademáis, algunha estaba sen documentar, era inédita. O libro está profusamente ilustrado e conta con mapas das zonas.

- Como se pode salvagardar un conxunto tan impresionante?

- Para iso estamos dacordo en activar un plan que propicie alí un parque da natureza, porque trátase dun entorno ideal para pasear e descansar, onde se poderían pór en marcha actividades recreativas e didácticas.

- Contan con apoio institucional?

- Dende un principio o Concello amosouse moi receptivo coa idea. De feito, boa parte do pulo á obra débese ao rexidor, que loitou moito para que a Deputación editase 3.000 exemplares, que se están distribuindo entre os veciños e cuxa aceptación podería dar lugar a unha nova edición. Un primeiro paso para o parque da natureza estaría en completar a concentración parcelaria.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.