16/12/2008

De lagoas, mouros e encantos

Hoxe preséntovos outro anaco das tradicións e lendas recollidas a Víctor Ramil Barja, o veciño do Freixo protagonista da nova anterior Ao carón da televisión.
Nunha das ocasións que o visitei para fotografar a peza, mencionoume a existencia duns lugares coñecidos como lagoas, repartidas por toda a parroquia ao pé do camiño vello, que describiu como unhas estruturas de forma afondada e circular con base cóncava dunhas dimensións aproximadas de seis a dez metros, que botaban case todo o ano anegadas, de aí o seu nome.





Víctor levoume a un destes lugares, coñecido como As Lagoas, no monte da Veiga da Nata próximo ás mámoas do Bustelo e ao círculo lítico do Bidueiral, na parroquia do Freixo. Contou que fai anos que fixeran un muro para pechar a finca ao pé do camiño e os seixos que empregaron para a súa construción, sacáronos da base da lagoa onde estaban semienterrados a modo de pavimento.



Menciona tamén a existencia de varios destes lugares, media ducia polo menos, que segundo seu avó lle contou: eran sitios dende os que se comunicaban os mouros, facendo grandes lumeiradas que se podían ver dende outros altos e alertaban dun posíbel perigo ou aviso.
Relatoume ademais unha anécdota que contaba un veciño seu xa finado, que cando o bispo viaxaba de Ferrol a Mondoñedo polo antigo camiño que pasa polo Freixo, se había perigo na zona (foraxidos, pasos pechados pola neve,...), prendían unha destas lumeiradas, para alertar á comitiva do bispo, que mudaba o seu itinerario.







A Lagoa das Curuxas e a Lagoa de Penas do Seixo
Unha destas lagoas, a Lagoa das Curuxas foi descrita xa polo ortigueirés Federico Maciñeira que recolleu unha serie de tradicións que a relacionaba cos mouros e máis concretamente cos encantos.

Tamén no ano 1992 a Lagoa de Penas do Seixo, foi noticia no xornal La Voz de Galicia, onde o seu titular afirmaba: En Pena do Seixo, en As Pontes, la noche del 23 de junio se comienzan a oír sonidos misteriosos, que algunos vecinos atribuyen a sapos.

A nova en concreto recollía o manifestado por varios veciños que aseguraban que nese lugar entre a media noite de San Xoán e até as cinco da mañá, escoitábase un misterioso son como de campaniñas. Segundo afirmaban os veciños o son continuaba uns poucos días e remitían co fin da lúa de San Xoán. Algúns expertos aseguraban que se trataba dun «sapo campaniñeiro», similar ao que Atahualpa Yupanqui adicara a súa famosa canción titulada «Sapo cancioneiro».

Existen ademais unha serie de tradiccións relacionadas coa lagoa da Pena do Seixo, como o dito seguinte: “Cando a Pena do Seixo se vaia de aquí, vila de As Pontes ¿qué será de ti?”. O dito segundo algúns veciños afirmaban, vaticinaba as extraccións de seixo que se levan efectuado por toda a zona. Outro dos ditos sobre a lagoa da Pena do Seixo, afirmaba que todo aquel que remexera nela, faríase rico, cumpríndose só nas persoas que descoñecían este feito.

3 comentários:

  1. Anônimo12/16/2008

    Pois hoxe que tiven máis tempo (xa que por fin rematei os exames)dediqueime a ver o teu blog. Chamoume moito a atención esta entrada, moi curiosa.
    Un bico

    ResponderExcluir
  2. Anônimo12/18/2008

    Moi interesante o traballo etnográfico, noraboa.
    Cando teña a conexión un pouco máis enteira a ver se podo intervir algo máis, agora colgaseme hora si hora tamén.

    Un Saudo

    ResponderExcluir
  3. Anônimo12/18/2008

    E o dito moito millor a foto actual que a anterior, danme gañas de cambiar a miña por fotos da miña nenez, a época na que sen dubida meior saia nas fotos.

    Un Saudo de novo e Boas Festas.

    ResponderExcluir

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.