15/12/2008

Ao carón da televisión

Víctor Ramil de 73 anos e veciño da parroquia pontesa do Freixo, conserva no salón da súa casa ao carón da televisión, unha peza tallada en granito e da que a día de hoxe se descoñece a súa funcionalidade.
A peza en cuestión ten as seguintes dimensións:
Alzado: 30 cm. de alto x 32 cm. de ancho
Planta: 30 cm. diámetro máx.
Cavidade interior superior: 14 cm.
Cavidade interior inferior: 6 cm.
Profundidade da cavidade: 18'5 cm.

Víctor atopouna nunha leira da súa propiedade cando era neno a unha profundidade duns 20 cm. e ao seu entender trátase dun muiño de man. Seu avó contoulle que a peza “empregábana os mouros para moer o grao para facer as papas”. Isto claro está é unha hipótese máis ao respecto da súa utilidade.

Durante o ano 2005, en varias ocasións tiven oportunidade de fotografar a peza e o lugar da súa aparición. Acompañado de Víctor, home tranquilo e amable onde os haxa, visitamos o lugar do achádego onde na actualidade a leira foi substituida por un prado.
A exclusividade do achádego e a súa proximidade coa igrexa parroquial do Freixo, fai pensar que se trate dalgún resto da anterior edificación, que foi restaurada e reformada en diferentes ocasións ao longo do tempo.

A falta de máis datos, déixovos unhas imaxes que de seguro poden aportar máis luz a este achádego e posibilitar algunha opinión ao respecto.











Um comentário:

  1. Anônimo12/18/2008

    Polo que se ve, semella unha parte da columna ou ben parte do capitel ou da basa, non o teño moi claro. Pola forma podería ser barroca.

    Un Saudo


    PD: Moito mellor a foto "actual-izada" que a da horla, JeJe.

    ResponderExcluir

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.