Pescadores usan pedras dun castro para suxeitar as canas de pescar
11-09-2012
Na comarca da Mariña lucense, os ladróns arrasan até cos xacementos arqueolóxicos. O pasado venres, a asociación cultural Mariña Patrimonio puxo en coñecemento do Servizo de Protección da Natureza (Seprona, da Garda Civil, en Ribadeo, o espolio ao que se están vendo sometidos varios enclaves castrexos e romanos da zona.
En concreto, a asociación cultural con sede en Viveiro destaca o roubo dunha roda de muíño do gran castro costeiro de Carreiro, en Foz, que foi descuberto e inventariado "e en consecuencia protexido" por Patrimonio o pasado mes de marzo. "Un veciño avisou da desaparición da peza", aclara Manuel Miranda, portavoz da agrupación. Tras unha visita para comprobalo, lembra resignado como o seu grupo descubriu máis escavacións ilegais.
A escasa distancia do de Carreiro, no castro de Fazouro, que está a piques de ser designado Ben de Interese Cultural (BIC) pola Xunta, detectouse que os pescadores que van con cana están a retirar as pedras que conforman o enclave arqueolóxico. "Son pedras que collen para suxeitar as canas", describe Miranda, e obxecta que "non estaría de máis pór un cartel que advirta que non se pode esnaquizar o xacemento".
Miranda aproveita para criticar á Xunta, que "non fixo nada a pesar de que se vía terra removida en varios dos enclaves". En Pampillosa, con importantes restos romanos nas paredes dos cantis, os ladróns "estiveron a escavar e seleccionando o bo e o malo, e o malo son unhas antigas tellas romanas que apareceron amontoadas". Miranda non sabe que material se puideron levar do lugar, aínda que sospeita que pode tratarse das cerámicas que os romanos importaban desde o sur de Francia.
Na zona de Viveiro, o colectivo denuncia o estado de abandono no que se atopa o xacemento de Estabañón, romano e medieval, despois de que un proxecto multimillonario de Costas 3,8 millóns de euros non callase e a súa intervención "só servise para deterioralo". Segundo Miranda, a caída dos valos protectores e as escavacións sen cubrir facilitan o labor aos expoliadores. Agora a asociación está á espera da actuación do Seprona, aínda que augura que será "dificil que se poida coller ao que o fai".
Postaxe relacionada: Furtivos causan danos en varios xácigos ...
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.