27/07/2012
Pontevedra
A Consellería de Cultura acaba de abrir un expediente sancionador a unha empresa situada na localidade pontevedresa de Ponte Caldelas, Áridos Ecolóxicos ou Areco, por acumular cascallos na área de exclusión do petróglifo da Raña. A Administración considera que a firma, dedicada á xestión ambiental de residuos derivados de demolicións, é responsable dunha actividade para a que carecía da «previa e perceptiva autorización da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural».
Crese que Áridos Ecolóxicos puido ter infrinxido o artigo da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia que fai referencia a «a realización de calquera intervención nun ben declarado ou catalogado sen a preceptiva autorización da Consellería de Cultura».
Dáse o paradoxo de que esta firma é a mesma que, no 2004, promoveu un proxecto para a posta en valor do petróglifo. Non en balde, o gravado atópase nas proximidades da empresa, no polígono empresarial da Reigosa.
Os responsables de elaborar este proxecto, Arqueo+i, destacaron que a da Raña é unha peza «moi particular», xa que a consideran «un dobre documento: gravado da Idade do Bronce e pegada dos canteiros do século pasado». E é que, ao redor de 1957, a zona onde orixinalmente se emprazaba era utilizada para extraer pedra mediante voaduras. Froito dunha delas, a roca co petróglifo soltouse e rodou ladeira abaixo ata un regacho.
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.