13/07/2012
A Fonsagrada
O Foro do Camiño Primitivo, plataforma constituída hai dous anos e que aglutina preto de 30 colectivos, asociacións e personalidades significadas polo seu compromiso no estudo, recuperación, defensa e promoción da primeira vía de peregrinación a Compostela, denuncia un novo atropelo contra o patrimonio asociado á vía histórica. "Manifestamos o noso pesar e indignación pola recente destrución do coñecido como Forno do Valeriano, situado no lugar máis emblemático do Camiño Primitivo na vila de Fonsagrada", sinalan nun comunicado.
Dito forno tradicional, asentado ollando á Fonte Sagrada e á igrexa de Santa María, sobre a calzada do camiño xacobeo, antiga verea empedrada coñecida como A Caella ou Caella de Valeriano, tratábase dun elemento etnográfico de carácter comunitario longamente utilizado polos buroneses desde tempos remotos, formando parte integrante dun pintoresco conxunto etnográfico e arquitectónico esencial para a rota xacobea no seu acceso ao núcleo urbano para cumprir co ritual da auga.
O Forno de Valeriano mantiña unha estreita relación co Forno de Pasarín, no que o escritor galego Rafael Dieste e a súa equipa das Misións Pedagóxicas coceron pezas de cerámica durante a súa estadía na Fonsagrada coincidindo cunha grande nevarada, tal e como cita o autor nas súas memorias.
Responsabilidades
O Foro do Camiño Primitivo esixe responsabilidades aos autores desta desfeita por "acción ou omisión", á vez que solicita que se fagan públicos os permisos e informes oficiais que autorizaron este grave atentado ao patrimonio cultural, no caso de existiren.
Así mesmo, o Foro do Camiño considera dunha gravidade extrema a pervivencia destes atentados, tanto máis no momento en que se está a tramitar a declaración de Patrimonio Mundial para a vía primitiva de Santiago por parte de UNESCO. "Estes feitos quizais non se terían producido de non ser polo desleixo e neglixencia da Administración galega nos trámites para a aprobación da delimitación oficial do itinerario máis antigo á capital galega e do seu territorio histórico; unha indiferenza administrativa que o Foro xa ten denunciado en varias ocasións e que se poñen de relevo con feitos como a destrución do Forno de Valeriano", di.
Entre os compoñentes do Foro do Camiño Primitivo están a Asociación de Amigos do Camiño Primitivo de Santiago, Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, Asociación de Amigos del Camino de Santiago Astur-Galaico del Interior, Asociación do Camiño Primitivo da Fonsagrada, Viandantes polo Camiño Primitivo, Asociación Lugo-Patrimonio, Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde, Museo Comarcal da Fonsagrada, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, delegación en Lugo do Colexio de Arquitectos de Galicia, Orde das Donas e Cabaleiros do Priorato de Vilar de Donas “Os Lobos”, Asociación de Hosteleiros de As Fontiñas, GDR4 Terras de Lugo, Plataforma en Defensa do Alto Ulla, Metátese Teatro, Asociación na Defensa do Parque Rosalía de Castro, Asociación de Veciños da Piringalla, Asociación Cultural Terras de Melide, Club Cultural Valle-Inclán, Asociación Cultural Espalladoira, Museo Terra de Melide, Asociación Cova da Serpe de Friol, Asociación Cultural “A Toca” de Toques, Asociación de Veciños de San Romao da Retorta, Asociación de Veciños “Porta de Lugo”, Parroquia de Santiago de Casteloe a Asociación de Veciños “Fonte do Udreiro” de Romeán.
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.