03/06/2012

Unha descuberta importante no túmulo de Barnenez

Le Télégramme.com
12/05/2012
        Plouezoc'h. Finistère

As investigacións no túmulo de Barnenez, en Plouezoc´h por un equipo de universitarios españois, coa colaboración da Université de Rennes 1, mostrou a presenza de pinturas. É un descubrimento magnífico pois é a primeira vez que son identificados e confirmados restos de policromía para un megálito bretón. Esta necrópole, erixida no Neolítico, está constituída por once arcas recubertas por unha tumulación monumental (“cairn”), enormes pedras de setenta e cinco metros de longo.

Cairn de Barnenez

Os trazos de policromía identificados dentro da cámara H  son negros e vermellos. A análise continuará no lugar para determinar a natureza dos pigmentos, e no interior das outras  cámaras megalíticas para tentar descubrir outros elementos de policromía.


Por primeira vez en Francia acaban de descubrirse pinturas nun megálito.

Esta é unha descuberta verdadeiramente excepcional porque proba que as arcas neolíticas non só estaban queimadas senón que tamén estaban pintadas”, afirma Anne Belaud-de Saulce, administradora dos lugares megalíticos de Barnenez, Carnac e Locmariaquer. Con vistas á baía de Morlaix e levantada hai sete mil anos, o “Panteón de Barnenez”, como algúns o bautizaron, ten unha lonxitude de setenta e cinco metros. Durante moito tempo no esquecemento, non foi redescuberto até 1955, debido a que estaba baixo unha mesta vexetación.


 Arcas do cairn de Barnenez

Este lugar megalítico fóra do común, o seu gran túmulo está formado por dous cairns xustapostos, é dicir, dúas pirámides de pedra ben amoreadas unha encima da outra. Cobren once cámaras funerarias.
      
Representación dos antepasados.
É nunha das cámaras onde un equipo universitario español, en colaboración coa Université de Rennes 1, vén de descubrir as pinturas sobre unha superficie de 4 m2 . Despois de retirar as pedras da entrada da cámara, os universitarios encontraron un corredor estreito antes de identificar as obras. Se as pedras talladas en forma de cabeza ou de busto representaban os antepasados, as pinturas ilustraban vestimentas ou útiles como machados. A cor vermella provén do óxido de ferro, mentres que o óxido de manganeso se usaba para o negro.

 A profesora Primitiva Bueno, integrante do equipo de investigación.

Máis pescudas
“Eu penso que aínda hai pinturas nas outras cámaras funerarias”, di Primitiva Bueno Ramírez, profesora de prehistoria da Universidad de Alcalá de Henares, en Madrid. A profesora española, que participou na descuberta dos debuxos do cairn de Barnenez, tamén descubriu pinturas nos megálitos en España e Portugal. Nos próximos días, as análises van continuar nas outras cámaras do cairn de Barnenez para intentar descubrir novos elementos de policromía.


Sección e planta do cairn.

Proximamente en imaxes

O público non poderá ver estes debuxos. “As cámaras en efecto sempre están pechadas, o que permitiu a conservación das pinturas”, explica Anne Belaud-de Saulce. “De abrirmos as cámaras ao público, o roce da roupa contra as paredes provocaría a destrución das pinturas”.
 As pinturas en contrapartida deberían estar proximamente en imaxe e ser difundidas con destino ao público en xeral.


Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.