28/06/2012
Veciños da comarca denuncian a construción dunha caseta para albergar un depósito de auga na cima do Coto do Castro, na parroquia silledense de Manduas. A edificación, levantada na cima do terraplén ao lado sur do castro, afecta a un xacemento arqueolóxico importante. "Nos tempos actuais resulta impensable que leven a cabo actuacións tan negativas contra o patrimonio", subliña o xeógrafo lalinense Antonio Presas, consultado respecto desta actuación.
Imaxe da construción levantada na parte Sur do castro
A caseta foi levantada durante este ano, segundo reza unha inscrición realizada no cemento que lle serve de base. Está feita de bloques de formigón e sen ningún tipo de revestimento, polo dagora, o que incrementa o contraste co espazo natural que a rodea. Os que dan a coñecer os feitos consideran "ilegal" a construción, promovida por algún veciño da aldea próxima para albergar un gran depósito de auga de abastecemento doméstico.
Características
O Castro de Manduas, coñecido como Coto do Castro, está preto da aldea de Santirso de Manduas á que dá nome. Segundo o mapa topográfico do Instituto Xeográfico Nacional, atópase a unha altura de 373 metros, na marxe esquerda do río Toxa e a unha distancia mínima de 250 metros do devandito curso fluvial. Un dos aspectos máis importantes do castro é o seu emprazamento nunha "zona agrícola de gran fertilidade" e cun "clima dulcificado pola súa reducida altitude", onde os "efectos das xeadas son menos intensos" que nas áreas máis elevadas, explica Presas.
A estrutura do castro é "bastante simple", segundo o estudioso, que a describe así: "Está formado por un recinto superior rodeado dun terraplén, que no pasado debeu rodear completamente devandito recinto e un posible antecastro cara ao sur, é dicir, cara á aldea actual de Castro, pero moi afectado polos traballos agrícolas tradicionais". No seu conxunto trátase dun castro "de reducidas dimensións, que ocupa o alto dun destacado outeiro, que sobresae na contorna aplanada do Val do Toxa", situado por encima da súa famosa fervenza.
O castro é coñecido tanto pola veciñanza como polos investigadores, xa que aparece rexistrado por primeira vez nos manuscritos do Pai Sobreira (finais do século XVIII); posteriormente, por Álvarez Limeses (1936), Filgueira Valverde-García Alén e, sobre todo, Xulio Carballo en diversas publicacións.
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.