07/12/2011

Aparecen petróglifos superpostos en Mondariz que estaban sen catalogar

La Voz de Galicia
30/11/2011
Mondariz


Terra de mananciais e verdes. Parece que Mondariz gustaba xa fai miles de anos. Só así se explica que o municipio pode presumir da continua aparición de restos arqueolóxicos. Nesta ocasión trátase dun conxunto de petróglifos descuberto na parroquia de Queimadelos por Manuel Ledo, en concreto no monte Penalta. Os gravados teñen unha antigüidade de 4.000 anos e unha das súas particularidades é que as combinacións circulares concéntricas atópanse entrelazadas. Ademais, aproveitaron os relevos das formacións graníticas para plasmar os debuxos e dotalos de maior realismo.

Os restos non se atopan documentados, polo que o arqueólogo Alberte Reboreda realizou unha ficha técnica do inventario do xacemento, que leva o nome de Pedra das Nocellas, e que está a piques de entregar na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.

«Hai que destacar a boa aceptación que tivo entre a comunidade de montes, porque o normal é que tenten escondelo para non ter que preocuparse», explica o descubridor, Manolo Ledo. De feito, os responsables dos terreos expresaron a súa intención de recuperalos. O obxectivo da Entidade Local Menor de Queimadelos é pór en valor os gravados, gardándoos do lume e instalando un equipo básico. A idea é completar a zona cunha mesa interpretativa, un valado perimetral de madeira e indicadores para que se poidan organizar visitas de xeito ordenado ao xacemento.

Pé dá Mula
A medida non é nova no municipio posto que xa se realizou un labor de recuperación cos petróglifos coñecidos como Pé dá Mula, situados nunha área de acceso a unha granxa de animais e cuxo deterioro foi denunciado ante a Xunta para evitar que un dos maiores conxuntos arqueolóxicos de Galicia se vise destruído polas feces e o abandono.Finalmente a alarma convertiuse nunha chamada de atención para as administracións e a zona foi recuperada e pechada. De feito, para o coñecemento e disfrute dos veciños organizáronse visitas nocturnas durante o verán, xa que baixo a luz artificial é cando mellor se poden observar os debuxos. Deste xeito os afeizoados puideron disfrutar dun dos maiores labirintos que existen en Galicia, unha das novidades que descubriron Manolo Ledo e Anxo de Prado, os promotores da recuperación dos petróglifos.

Cara o campo de fútbol
Situar os terreos da entidade menor de Queimadelos é sinxelo. Despois de chegar a Mondariz a través da A-52 e da N-120 é necesario atravesar o centro urbán e seguir as indicacións do campo de fútbol da Lago. Tras ascender uns metros, aparece a área de descanso, con amplo aparcadoiro, zona de lecer e os restos arqueolóxicos. A zona ten máis de cen hectáreas.

Na actualidade a zona está rodeada de maleza e resulta complicado ver todo o conxunto, pero a Entidade Local Menor de Queimadelos espera recuperar a zona, cercala e colocar indicadores para os visitantes. En concreto, o lugar está situado ao sueste do monte Penalta, a 381 metros sobre o nivel do mar.


Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.