20/11/2011
Lalín
Só 5 dos 27 presentan boas condicións para a visita
As comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes contan cun total de vintasete Bens de Interese Cultural (BIC) catalogados tanto pola Consellaría de Cultura como polo Ministerio. Nembargantes, deles, só cinco presentan un bo estado de conservación: o Pazo de Oca e o seu entorno (A Estrada), que pertencen á Fundación Medinaceli; os mosteiros de Carboeiro (Silleda) e Aciveiro (Forcarei); e os pendellos de Agolada. Ademais, estanse a acometer desde xuño obras no Pazo de Liñares (Lalín) para a súa recuperación.
Neste deficiente mantemento dos BIC da zona e, polo tanto, incumprindo a lexislación que obriga a conservalos, ten moito que ver que a maior parte son xácigos arqueolóxicos. Están en parcelas privadas e permanecen ocultos pola vexetación e frecuentemente só aqueles que teñen experiencia neste tipo de patrimonio consiguen localizalos e observalos. Hai casos como a mámoa dos Muíños (Agolada) que foron sepultados ou o de Cerdedo, que o cemento tapou grande parte do conxunto.
Mais os xácigos non son os únicos que encontran problemas. Outro caso similar acontece con algunhas torres que teñen a calificación de BIC e permanecen sen ningún tipo de mantemento nin obras de consolidación por parte dos seus donos, posto que permanecen en mans privadas. Neste caso a zona conta con varios exemplos. Entre os más significativos, as torres de Guimarei (A Estrada), a de Cira (Silleda) ou a tulla de Fafián (Rodeiro).
A estes vinteseis inmóbeis catalogados como BIC hai que engadirlles outros cinco monumentos da zona que teñen protección, todas as igrexas, que tamén están considerados como protexidos polo Ministerio de Cultura. Nestes casos, a súa conservación é moito mellor.
Emprazan en Cerdedo dous gravados doutros puntos e inclúense bens xa desaparecidos
A relación de bens incluidos na listaxe do Ministerio de Cultura
e da Consellaría presentan "algúns" desaxustes
Cerdedo
De tres «oficiais» a un real. Na relación oficial de Bens de Interese Cultural tanto da Xunta como do Ministerio aparecen recollidos tres en Cerdedo. Trátase dos gravados rupestres Montes de Parada e Fraga das Ferraduras, así como o da Laxa e Veiga do Chan, todos declarados en decembro de 1974. Nembargantes, a realidade non é esta, segundo explica o investigador Carlos Solla. No caso da Fraga das Ferraduras «está en Cerdedo pero en Cerdedo de Tras os Montes, en Portugal», sinalou onte. Atribúe este desaxuste na ubicación á mala lectura dun documento de Cuevillas. No caso do correspondente ao gravado de Montes de Parada, Solla explica que está en Pazos de Borbén. «Outra mala lectura e unha mala inscricción», sinalou. E despois, o único BIC declarado, está en Tomonde. Unha parte, foi cuberto con cemento e está dentro dun cobertizo, co que só queda á vista unha parte. Solla contrapón a ausencia na listaxe de Bens de Interese Cultural, como a Laxa do Almanaque, en Outeiro de Chamadoira, con catro niveis; ou o petróglifo de Outeiro do Mestre, en Deán, Figueiroa.
Silleda
A torre da Chapa xa desaparecida. O decreto do 22 de abril de 1949 do Ministerio de Educación estableceu que «todos os castelos de España, independentemente de cal sexa o seu estado de ruina, quedarán baixo a protección do Estado, que impedirá toda intervención que altere o seu carácter ou poida provocar o seu derrube». En base a este decreto, obtiveron protección varias torres da zona, entre elas a da Chapa, que na actualidade non existe. No seu lugar está hoxe unha casa. O estudoso da historia local e párroco da Bandeira, José Espiño, aseguraba no 2007 que aínda lembraba parte da base da fortaleza, cuxas pedras foron a parar en parte á estrada e outras a casas da parroquia.
A relación do Ministerio de bens que contan cunha protección a nivel nacional inclúe a igrexa silledense de Ansemil pero ubicándoa na Estrada.
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.