19/03/2009

O Castro do Monte Mozinho ou a Cibdade Morta de Penafiel

Hai uns poucos días tiven a sorte de visitar o Castro de Monte Mozinho en Penafiel (Portugal). Emprazado na rexión Norte do país lusitano, é coñecido como a Cibdade Morta de Penafiel. Ocupa un outeiro situado a 408 metros de altitude, dende o que se poden divisar a Serra de Marão (ao Leste) e a serra de Montemuro (ao Sur).


Está situado na ribeira do río Camba, afluente do río Sousa. O seu emprazamento, a media distancia entre o val deste río e o do Tâmega, confírelle un notábel valor estratéxico, controlando o acceso aos territórios ao Norte da bacía do Douro, e aos da zona interior. Segundo algunhas investigacións recentes vixía un corredor de circulación terrestre, que se dirixe de Oeste a Leste, ao longo de toda a serra.


A primeiras campañas de escavacións tiveron lugar entre os anos 1943 e 1954, sendo dirixidas polos arqueólogos Elísio Ferreira da Sousa e Russell Cortez. En 1974, logo dunha pausa de vinte anos retómanse as escavacións, sendo dirixidas por Carlos Alberto F. Almeida e Teresa Soeiro, e que continúan ata os nosos días.


As evidencias arqueolóxicas establecen unha cronoloxía para esta estrutura, situándoa entre os séculos I e V d.C.En canto á tipoloxía os estudos levan constatado que este poboado castrexo de época romana foi fundado no século I d.C. Aínda así presente unha ampla cronoloxía de ocupación, polo que pode ser inserido na categoría dos oppida, tanto polas súas dimensións (220.000 m2) como pola súa cronoloxía, situada na época de Augusto.


O castro estaba fortificado con tres liñas de murallas e unha área habitada de cerca de 22 has. Ao longo do tempo sufriu varias reconstrucións, observábeis na diversidade de tipoloxías construtivas establecéndose varios tipos de construción, dende núcleos de casas-patio de tradición castrexa, con compartimentos circulares e vestíbulo, ás complexas habitacións romanas de planta cadrada ou rectangular.


Na parte superior do castro destaca a muralla do século I, cuxa entrada estaba flanqueada por dous torreóns onde se atopaban situadas dúas estátuas de guerreiros galaicos, que están agora no Museu Municipal de Penafiel e que non puiden visitar por falta de tempo, pero que quedarán pendentes para a vindeira viaxe.






Na área urbana exterior á primeira muralla atópase un podium dun pequeno templo, na rúa principal, e xa fóra do espazo urbano, destácase unha necrópole.


O numeroso material recollido inclúe fragmentos de cerámica da Idade do Ferro, cerámica común romana de importación, vidros, unha ampla colección de moedas, alfaias agrícolas e armas, obxectos de adorno, que se atopan depositados no Museu Municipal de Penafiel, no de Etnografía e Historia do Porto e no de Antropoloxía da Universidade do Porto.




COMO CHEGAR
Partindo de Penafiel hai que coller a Estrada Nacional 106, en dirección a Castelo de Paiva. A 4’1 qm. hai que coller á dereita a Estrada Nacional 106–3, en dirección a Paço de Sousa. Logo duns 500 m. collemos de novo un desvío para a esquerda polo Caminho Municipal 1300. Este cruce está sinalizado como Castro de Mozinho. Pasados 4’6 qm. chegamos ao parque de estacionamento do Castro e do Centro de Interpretación.

Um comentário:

  1. Anônimo3/20/2009

    hola mourelo, vexo que non paras.
    Que tal o viño verde? de seguro que comiche e bebiche mellor que na casa, jajaja
    Moi interesante o artigo sobre mozinho, tamén o julio pereira, a ver se nos vemos pronto, un saúdo dende a Artabria

    ResponderExcluir

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.