Lentamente, con moito traballo, vai asomando a luz nos escuros feitos que aconteceron entorno á reaparición de miles de pezas arqueolóxicas na Campa Torres en condicións deplorábeis. Pese a que os dirixentes do Ayuntamiento de Gijón e do Principado neguen que houbese ningún dano, pese a que neguen a necesidade dunha investigación, hai xa varios feitos claros.
Sábese que no 2006 o Principado cedeu en depósito ao Ayuntamiento de Gijón vintecinco caixas de material arqueolóxico do xácigo da Campa Torres. Esas caixas foran entregadas polo finado profesor José Luis Maya, e tiñan os seguintes anos de ingreso: 1978, 1982, 1983, 1984, 1985, 1986, 1987 e 1988. Hai que recordar que as escavacións proseguiron ate o ano 2000, pero pese a isto no Principado non parece que conste a entrega de ningún outro material. Tampouco parece que en todo este tempo ninguén reclamase as pezas esquencidas, ineptitude inexplicable, aínda que ano a ano seguíanse autorizando novas escavacións.
En marzo de 2009 apareceu unha especie de «zulo», que non presentaba ningunha das condicións necesarias para albergar material arqueolóxico, e nel descubríronse 368 caixas co patrimonio histórico que nunca foi entregado ás autoridades. Miles de pezas, de prácticamente todas as campañas, reapareceron sen ningunha protección nin coidado. Ningún responsable político notificou o achádego, intentando silenciar o escándalo e inmediatamente encargouse un informe que detallara o seu estado á empresa MS Arqueo.
En xaneiro de 2010, a Consejería de Cultura, logo de destituir no seu posto ao fundador do Museo Etnográfico de Grandas de Salime, Pepe o Ferreiro, nomea a Francisco Cuesta director do museo. Cuesta dirixiu, xunto a Maya, e foi responsable ata o ano 2000 das escavacións na Campa.
En abril de 2010, o Partido Popular presenta unha denuncia ante o fiscal e solicita as comparecencias dos principais responsables políticos, todos eles do PSOE. O concelleiro de Cultura, Justo Vilabrille, afirma que os materiais non sufren ningún deterioro e que todo está clasificado con criterios científicos. A conselleira de Cultura maniféstase en termos similares, negando que houbese ningún dano.
Nembargantes, o inventario que presenta MS Arqueo evidencia que nun gran número de elementos non figura o sector no que foron atopados, nin a data do achádego, nin o número de inventario na escavación, nin, por suposto, a capa estratigráfica na que foron atopados. Nun informe da empresa MS Arqueo no que se dá conta sobre a forma na que se deixaron tirados os bens e a perda de información que se produciu, fálase textualmente de pezas inventariadas en soportes informativos tales como: servilletas, papel reutilizado e papel hixiénico; referíndose tamén a caixas desfeitas pola humidade, a bolsas sen datos, a bolsas nas que era ilexible a información rotulada. Dase conta tamén da existencia de bolsas mal pechadas, que perderon o contido total ou parcial; dun patrimonio histórico esparexido sen ningún dato asociado, de fichas destrozadas pola humidade, rotas e totalmente ilexibles, de pezas distintas cun mesmo número de inventario. En definitiva, unha penosa forma de conservar e pór en valor o patrimonio cultural.
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.