10/11/2009

«Para traballar polo patrimonio hai que deixar de lado os intereses persoais e de partido»

El Progreso
10/11/2009
Especial Terra Chá
Cristina Arias

Xosé María López preside a Plataforma na Defensa do Patrimonio das Pontes dende a súa fundación. Crítico coa ausencia de protección e sabedor da importancia de difundir o patrimonio, traballa xunto a 20 persoas na posta en valor do pasado pontés.


Durante o proceso administrativo que rematou coa destrución do Círculo Lítico da Mourela constituise a Plataforma na Defensa do Patrimonio das Pontes. Os comenzos desta plataforma foron nunha tempada chea de protestas e diversas actuacións. Co paso do tempo, como recorda aqueles meses?

Pois foron meses de moita actividade. Dende un principio tiñamos claro que o importante era que se escavara e se documentara completamente o xácigo prehistórico. Eramos conscientes de que as opcións á destrución eran mínimas, mais non por iso tiramos a toalla e coa colaboración de diferentes técnicos elaboramos un estudo estimativo do custe de execución dun túnel como alternativa viable para a conservación da necrópole, que se ben nun primeiro intre foi apoiado públicamente pola Dir. Xeral de Patrimonio e numerosas institucións do ámbito da cultura galega, non así o fixo a Consellería de Obras Públicas, que rexeitou considerar o proxecto e que finalmente supuxo a destrución por riba da conservación.


Queda impotencia tras tanta loita?

Carraxe máis ben. Carraxe porque todo o esforzo realizado na defensa do círculo da Mourela e o campo de mámoas quedou na total pasividade da Xunta. Pero pesa moito máis o sentimento de telo intentado, así como a sensación de contar co poder da razón para tratar de evitar situacións similares, que máis cedo que tarde volverán a acontecer.



Fixeron moita forza para que non se destruíra e incluso recolleron sinaturas en apoio da construción dun túnel. Para os que non teñen moitas nocións sobre arqueoloxía, que foi o que se perdeu nas Pontes e que significado histórico tiña?

Efectivamente, máis de 1500 sinaturas, algunhas de institucións como o Museo do Pobo Galego ou a Real Academia Galega de Belas Artes. A nivel patrimonial, perdouse un dos lugares arqueolóxicos fundamentais para entender a prehistoria do NO peninsular, entre outras razóns por ser o lugar, onde se asentaba uns dos poucos círculos líticos dos que se tiña constancia en Galicia. E por outra banda, o que se perdeu foi unha oportunidade histórica de conxugar a construción de infraestruturas co desenvolvemento social, económico e medioambiental.


Faltou apoio político a nivel local?

O malo de certos políticos é que non son quen de ver máis alá dos votos. O goberno municipal apoiaba o proxecto da autovía e entendeu a defensa da Mourela como un ataque contra eles. Todos tiñan algo que lles facía gardar silencio respecto do círculo. O PP foi quen deseñou o trazado, o PSdG era o responsable da obra, o BNG necesitaba a terra da Mourela para a ampliación do polígono dos Airíos e Amigos das Pontes tiña moito que calar logo de ter sido responsable nos anos 90 da destrución do círculo lítico menor e de dúas mámoas.


Felipe Arias era o responsable de Patrimonio na Xunta naquela época e sempre asegurou que a súa destrucción levouse a cabo unha vez escavado e documentado, “todo feito polo libro”, xa que non se perdeu un ápice de información. É coñecedor desa información? Accedeu algunha vez a ela?

Non. Iso foi algo que se publicou na prensa pero con interese de minusvalorar o que alí había. Seica o Sr. Arias dixo que o resultado da escavación era moi interesante. Supoño que o informe estará nun caixón, lonxe do público, co escurantismo que adoita envolver a todo o relacionado coas escavacións arqueolóxicas en Galiza. Non dubido que para o Sr. Arias “ir polo libro” sexa fender unha necrópole prehistórica pola metade e logo dicir que non pasou nada porque todo está debidamente documentado.


Unha das grandes críticas que se fixo despois foi a acumulación de pezas sen catalogar na estación de autobuses. Quen é o responsable de todo ese material?

Pois o custodio do material neste momento é o goberno local. As nosas recomendacións ao respecto centráronse na necesidade de darlle aos materiais unha almacenaxe axeitada, lonxe da humidade e os ácaros que podían danalos. A día de hoxe temos constancia de que as nosas recomendacións foron tidas en conta e xa se atopan nunhas condicións de seguridade axeitadas. Aínda así cumpre unha intervención urxente co fin de catalogar debidamente os materiais así como unha planificación de cal vai ser o seu uso ou almacenaxe definitiva.


A autovía foi o principio do fin do Círculo Lítico e o principio de problemas medioambientais no Eume. Sen embargo, parece que os problemas non quedaron ahí. Hai poucos días denunciaban danos por causa das obras nunha das mámoas catalogadas no noiro. Que pasou?

Nós, dende que se decretou o levantamento da cautela arqueolóxica sobre os restos do círculo lítico, continuamos a facer un seguemento exhaustivo de todas as obras de consolidación dos noiros que se levaron a cabo no entorno das mámoas. Nun principio a Dir. Xeral de Patrimonio estableceu unha serie de medidas encamiñadas a protexer os elementos arqueolóxicos que aínda quedaban no lugar, o balizamento dos elementos, a restrición de obrar nun radio de cincoenta metros arredor dos elementos, ... Medidas que en ningún momento se chegaron a facer efectivas e que supuxeron unha nova destrución no lugar. Hai un par de semanas un veciño alertábanos de que unha máquina estaba traballando enriba dunha mámoa. Efectivamente a escavadora destrozou máis de tres metros de tumulación e acumulou refugallo enriba do elemento catalogado. A día de hoxe o Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil está a investigar o acontecido. Ademais durante a semana pasada envióuselles sendos informes á Fiscalía do T.S.X.G. e á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, nos que se lles solicita: a paralización das obras que se levan a cabo nas inmediacións do elemento afectado, co obxectivo de facilitar a apertura de dilixencias para esclarecer os feitos e valorar a magnitude dos danos; así como a restitución do túmulo e a sinalización por medio de balizas das áreas de protección arqueolóxica das tres mámoas que aínda permanecen na Mourela.


E hai algún tempo reinvidicouse a necesidade de manter o círculo lítico do Bidueiral, no Freixo, ante a posibilidade de danos por parte dunha empresa eólica. Que pasou con eso?

Neste caso, por sorte, as obras non chegaron a ter afección negativa para o elemento. É unha mágoa que dada a exclusividade deste elemento no noso territorio, este non conte cunha protección especial por parte das autoridades competentes.


Hai meses nun pleno o equipo de goberno, tras unha moción do BNG, decidiu crear unha comisión de patrimonio a nivel local. Considérao unha boa medida?

Consideramos que é un discurso político con idea propagandística pero sen o respaldo do convencemento. Para traballar polo patrimonio cultural hai que deixar de lado o resto dos intereses, tanto persoais como de partido, e desgraciadamente os nosos políticos non teñen ese perfil. Aínda así dende a Plataforma cremos que todo o que sexa pór en marcha mecanismos de impulso de políticas públicas para o fomento e promoción do patrimonio cultural é positivo.


Que sucedeu co Laboratorio de Investigacións Arqueolóxicas que traballaba nas Pontes na época da Mourela? Por que desapareceu?

Esvareceuse unha vez finalizado o convenio co Concello das Pontes. No tocante aos motivos da desaparición do LIA, nós temos as nosas sospeitas, pero quen debería aclaralos, principalmente polo elevado custo económico que supuxo para as arcas locais, deberían ser os responsables políticos municipais e o director do LIA, Jacobo Vaquero. Persoalmente penso que existía unha ausencia de control e seguemento dos traballos que realizaba o laboratorio que foi a causa de que ningún dos proxectos desenrolados sobre o patrimonio arqueolóxico revertisen nos cidadáns.


Aparte das denuncias e de estar alerta respecto ós agravios ó patrimonio local, dende a Plataforma trátase de concienciar á xente das Pontes sobre o seu propio pasado. Recientemente organizaron as Xornadas Mouras sobre Patrimonio. Que sacaron en claro?

Que temos un patrimonio cultural único e irrepetible. Non só os restos arqueolóxicos senón tamén a etnografía e ó patrimonio inmaterial. É fundamental esparexer o coñecemento para repartir a tarefa da salvagarda. Outra das conclusións que se tiran destas xornadas é que fai falla un compromiso político claro. Fai falla que os políticos, xestores finais dos nosos recursos patrimoniais, tomen conciencia da importancia da conservación e saiban rendibilizar a cultura socioeconomicamente.


A participación foi maior da que esperaban ou son poucos os que se interesan por este temas?

Foi máis ou menos o esperado. En xeral a nivel local penso que cada vez máis a xente ten interese por estes temas e é de subliñar a enorme actividade que se ten producido nos últimos anos dende o asociacionismo local neste eido. Dende a plataforma cremos que a difusión e a defensa son dúas ferramentas complementarias da xestión. Non podemos defender, sen saber o que hai, nin podemos ensinar sen coñecer. E como todo proceso de aprendizaxe require esforzo, tempo e medios, non estaría de máis que dende as diferentes administracións se preocupasen máis amplamente do estado actual dos xácigos arqueolóxicos.


Cal é o valor patrimonial das Pontes? No concello sobreviven varios castros, ós que non lle afectou a explotación mineira, así como necrópoles, dos que poucos saben algo. Falta información ou interese en transmitila?

Efectivamente durante a explotación da mina de lignito destruironse parroquias enteiras coa consecuente destrución de todo tipo de elementos patrimoniais, dende as milenarias mámoas e castros, ata ermidas, cruceiros e cabazos, que sucumbiron baixo a explotación mineira. Aínda así na actualidade, contamos cun elevado número de elementos arqueolóxicos. As parroquias emprazadas na zona Norte do concello, agás polos parques eólicos que albergan, seguen mantendo os mesmos valores paisaxísticos e medioambientais que en tempos pasados. A concentración de túmulos nesta zona é excepcional. O que é necesario facer canto antes, é un proxecto serio e ben articulado que permita pór en valor todos estes espazos, que contemple dende a sinalización dos elementos, ata a creación dun centro de interpretación do noso pasado.


Nas Xornadas Mouras tiñan previsto un roteiro cultural por As Pontes, Somede e O Freixo, que se tivo que suspender por culpa do tempo. Teñen pensado recuperalo?

Por suposto. En próximas datas levarase a cabo. En canto as prediccións meteorolóxicas acompañen iniciaremos unha campaña de difusión para dar a coñecer a data da actividade.


Repetirán a experiencia das Xornadas?

A nosa intención é que estas xornadas sexan un punto de reunión e intercambio de opinións e ideas con respecto ao Patrimonio. Por suposto que o ano que ven haberá unha segunda edición.


Canta xente forma a Plataforma actualmente?

Pois na actualidade somos un grupo dunhas vinte persoas asociadas o que ven traballando nos diferentes proxectos que desenvolvemos ao longo do ano. De xeito periódico reunímonos para concretar actividades e avanzar en obxectivos concretos. Se o tempo acompaña facémolo camiñando por algún dos roteiros que estamos a deseñar na comarca.



DE PRETO

De onde lle ven o interese pola arqueoloxía?

Pois dende sempre chamoume a atención todo o relacionado coa historia dos lugares e as persoas que os habitaron. Tamén meu pai tivo moito que ver nisto, pois dende neno medrei a carón dos apeiros e ferramentas que el restauraba para o museo. Pero con toda seguridade o meu paso polo LIA, foi o feito que máis contribuiu a elevar o meu interese e preocupación polo patrimonio.


O seu traballo actual ten algo que ver coa historia?

Pois na actualidade estou a rematar os meus estudos en Biblioteconomía e Documentación. En certa medida a historia está vencellada a estas ciencias da información, e non descarto completar os meus estudos con outros cursos de formación en materia de xestión do patrimonio cultural.


Cal é o seu lugar favorito das Pontes?

Coido que un dos elementos paisaxísticos de maior beleza emprazados no noso concello é a Fervenza de Somede.


Que lle recomendaría visitar a alguén que chega por primeira vez á As Pontes?

Se tivese que acompañar a algún amigo por As Pontes, levaríao sen dúbida ao Coto do Castro, á necrópole de Cheiván e ao círculo lítico do Bidueiral. Dende logo non lle deixaría ir só pois ao non estar sinalizados os elementos, o máis probable é que non os atopara.


Se puidera viaxar nunha máquina do tempo ó pasado, que lle gustaría poder ver?

Gustariame poder coñecer aos meus antepasados. Hoxe só teño unha imaxe dos meus bisavós. Sería toda unha oportunidade poder coñecer aos que me antecederon.


Estivo presente na destrucción do Círculo Lítico?

Si, detrás do meu aparato de fotos. Ás veces algunhas cousas é mellor velas con filtro.


Colle a autovía?

Sí, prácticamente tódalas semanas. Nós en ningún momento nos opuxemos á autovía. Esta infraestrutura era necesaria, mais non a costa da destrución gratuita do patrimonio.


Que declararía BIC, se estivera na súa man?

A necrópole megalítica de Cheiván e o círculo lítico do Bidueiral


Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.