16/11/2009

BUZÓN DO LECTOR: Os militares amosan moi pouco humanismo e menos humanidade

La Voz de Galicia

15/11/2009

Buzón do lector



Os militares da Brilat de Figueirido disque fan accións humanitarias en Afganistán e noutros lugares nos que hai conflitos (militares). Había que ver que é o que eles consideran accións humanitarias... Pero iso polo menos é o que vende o Ministerio de Defensa nas súas campañas publicitarias para captar novos soldados profesionais.



O problema que vemos é que mentres no estranxeiro se dedican a practicar esas accións humanitarias, na nosa terra, dentro das fronteiras do Estado español, mostran moi pouco humanismo e aínda menos humanidade.



O humanismo da Brilat brila pola súa ausencia con accións como as de fai uns meses, cando destruíron e arrasaron, a Mámoa de Louredo (GA 36038060), un xacemento arqueolóxico catalogado e protexido pola lei. Lei contra a que os militares parecen ter patente de corso para atentar contra ela con total impunidade. Un xacemento arqueolóxico que forma parte do noso patrimonio cultural, unha herdanza que nos vén dos nosos máis antigos devanceiros. Un patrimonio digno de seren conservado? Pero non para os militares. A eles que non lles falen de cultura. Por iso que o humanismo demostrado é cero. Do que saben é de destruír. Diso si que entenden. Por iso sen darlle tempo nin ós de Patrimonio, da mámoa non quedou nada. No seu lugar levantaron o que chaman «Aldea Afgana». Unhas construcións de cemento e bloques, que pensamos que non se parecen en nada ás aldeas afgás reais, como tampouco se parecen en nada ás accións humanitarias, as prácticas que nese lugar realizan. E mentres, os de Patrimonio, moito nos tememos que non van esixir ningún tipo de responsabilidades pola mámoa destruida?



Pero se non mostraron ningún humanismo nesta acción, aínda menos humanidade mostraron na agresión que o pasado domingo tristemente protagonizaron contra unha señora e un señor sesaxenarios, que cometeron o único delito de andar polo monte comunal, nas inmediacións do cuartel, e tiveron a mala sorte de dar cuns militares prepotentes que mallaron neles. Alguén debería explicarlles a estes militares que o seu papel, no século XXI, non debe ser ese?



Estes días deron a noticia de que o xeneral Prieto vaise para unha misión moi importante ós USA, e todas son felicitacións para o seu traballo ó mando da Brilat de Figueirido nos últimos anos. Na nosa humilde opinión, se é o máximo responsable da Brilat de Figueirido, tamén é o máximo responsable da destrución da mámoa e da agresión sobre estas dúas persoas?



Asociación Pola Defensa da Ría

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.