03/09/2009

Trinta fachos arderán o luns no castro de Castelo

La Voz de Galicia
2/09/09

Trinta fachos arderán o vindeiro luns día 7 no castro de Castelo, en Taboada. Un ano máis, a festa da Queima das Fachas do Castelo atraerá a ducias de visitantes para unirse a esta tradicional celebración. Nesta ocasión, por primeira vez, a festa celébrase co título de festa de interese turístico, que lles concedeu a Xunta de Galiza a finais do ano pasado.

Tamén nesta edición, a festa coincide coa celebración do congreso etnográfico organizado por Lugopatrimonio, Patrimonio Inmaterial das Terras de Lemos, adicado o día 7 ás fachas do Castelo e a agucios de Vilelos. Esta coincidencia de acontecementos fai pensar ao presidente da Asociación das Fachas e á súa vez ramista das festas, Manuel Fidalgo, que este ano haberá máis xente que nunca. «A festa aparece máis anunciada que nunca e tamén temos máis axuda da Xunta, así que esperamos atraer a un maior número de visitantes», sinalou.

A Xunta concedera o recoñecemento porque en Galicia non se coñece ningunha celebración semellante, na que se rodee o castro do lugar cos fachos, para facelos arder a medianoite. Ademais, esta tradición está vencellada a un castro que ten dous mil anos de antigüidade.


A programación das festas deste ano empeza o luns ás 20.30 horas cunha alborada a cargo de Varacuncas de Rodeiro. Unha hora máis tarde terá lugar a cea popular á beira do castro, á que habitualmente asisten unhas duascentas persoas. Os interesados en asistir deben apuntarse previamente poñéndose en contacto con algún membro da asociación. O prezo é de 10 euros para os socios e 15 euros para o resto. Ás 23.30 horas será a popular queima dos fachos e despois haberá unha verbena a cargo da orquesta Foliada.

O martes día 8 celebrarase unha misa solemne e unha procesión ás 13.30 horas. Seguidamente actuará a orquesta Nova Imperial, que volverá a amenizar a verbena.

O último día das patronais é o mércores. Ás 11.30 horas haberá un pasarúas coa charanga Garrafón.com. Ás 13.30 horas celebrarase unha misa solemne e procesión. A orquesta Tekila será a encargada de amenizar a sesión vermú e a verbena final.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.