14/09/2009

Ramón Rodríguez Palleiro: Ser gaiteiro conleva un país e un xeito de entender a vida

A Peneira
09/09
A Coruña

Ramón Rodríguez Palleiro (A Coruña, 1985) é un mozo con diversas inquedanzas artísticas. El é coñecido no mundo musical da Coruña como Moncho do Orzán. Con 24 anos, Moncho estudou Enxeñería Técnica de Telecomunicacións, especialidade Son e Imaxe, e agora remata o proxecto fin de carreira. Pero a súa vida está marcada pola súa profunda vocación musical e a súa paixón pola cultura galega.


-Cando comezan as túas inquedanzas musicais?
-Con 8 anos comecei a ir a clase de gaita da man do meu pai en Culleredo. O mestre era Miguel, sobriño do gaiteiro Francisco Paradela. Logo viñeron Raúl Galego, Xerardo García e Ricardo Santos. Con Raúl e Ricardo gañei moita amizade. Teñen ese don inmenso de saber parir gaiteiros. Curtinme tamén dando alboradas polas Mariñas da man dos Cataventos, entrañables compañeiros dos que aprendín un mundo.

-Fálanos dos teus gostos pola gaita e o acordeón,... por que un e por que outro?
-Ser gaiteiro conleva un País e unha filosofía de vida. Así pois, a miña concepción é gaiteira de meu. A gaita inspírame colectividade, compartir e soñar o amor de todos os galegos á nosa Terra.
Do acordeón cativoume o son e a posibilidade de tocar e cantar a un tempo a musicalidade deste chan. É moi completo, xunta as tres características principais da música: harmonía, melodía e ritmo. Mais sempre levo no máis fondo do meu ser a gaitiña.

-Actúas como solista, pero tamén formas parte do Coro Cántigas da Terra...
-Coñezo a Cántigas desde neno, mais o meu interese polos coros naceu das festas que meus pais organizaban con Ricardo, Rául e moitos máis amigos. Así foi. Partillando con eles funme decatando da importancia dos coros dentro da música tradicional. De corista en Cantigas levo dous anos. Este ano presenteime a vicearquiveiro coa vontade de poñer en valor o arquivo do Coro. Xuntei a un grupo de bos amigos e puxémonos mans á obra. Certamente o nivel que estamos acadando é formidable. Sen dúbida, este arquivo é un dos máis ricos da música galega. Del forman parte foliadas, pandeiradas, alalás, cantos de arreiro... case todos recollidos na primeira metade do século XX, antes de que a radio e a TV entrasen nas aldeas.

-Fálanos da importancia dos Coros dentro da música tradicional
-Un coro galego é un conxunto de gorxas bravas que cantan melodías do País acompañadas dos instrumentos tradicionais. Os pioneiros foron Aires da Terra (1883). Conscientes do abandono que xa daquelas comezaba a sufrir a nosa música patrimonial, vestiron o traxe do País e cantaron en galego sen complexos. Logo as Irmandades da Fala fundaron coros e teatros en toda Galiza. Tal é o caso de Cantigas da Terra. A idea inicial é reivindicar a música autóctona para proxectala cara o futuro, conectándoa co resto da cultura. Porén, repetir nos nosos días a relación dos Coros coas Irmandades (e polo tanto co primeiro nacionalismo) suporía unha xanela aberta á supervivencia do noso ser nacional.

-Tamén tes afección polo audiovisual...
-No 2008 iniciei a rodaxe dun documental sobre Amigos dos Muíños, un colectivo que, sen subvención algunha, adicouse á recuperación de patrimonio material (muíños, fontes...) nos anos 80-90. Nel, dous amigos dos muíños voltan aos lugares onde hai vinte anos fixeron cadanseu restauro e festa comunal. A obra recolle o espírito espontáneo do colectivo, onde destaca a naturalidade das personaxes filmadas. O proxecto conterá un libro-DVD e sairá o ano que vén.

Um comentário:

  1. mourelo9/14/2009

    Noraboa ao moncho, ven merce unha entrevista, ou varias, pois dende q o coñezo sempren ten algo que contar, algo que dicir, algo que nos lembra a todos o que sentimos, o que queremos e o que vivimos. Saúde pra o do Orzán nesa teima súa que é a vida.

    ResponderExcluir

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.