05/06/2009

Comunicado da Plataforma na Defensa do Patrimonio das Pontes

Hai hoxe dous anos a maquinaria pesada da Administración fendía á metade o coxunto megalítico da Mourela, o que supoñía a destrución dos restos do círculo lítico maior.



A día de hoxe os informes que avalaban o desmantelamento desta necrópole megalítica, non foron feitos públicos. Ademais os materiais arqueolóxicos das escavacións da Mourela seguen depositados na estación de autobuses das Pontes sen ningún tipo de orde e control. Acumulados en caixas depositadas nos corredores do segundo andar do edificio. Este é o trato que se lle está a dar ao noso patrimonio dende a administración local. A pasividade e a inoperatividade dos protagonistas da súa xestión non poden extenderse no tempo. O recoñecemento e a dignificación da necrópole da Mourela debe, lonxe dos que intentan soterrar a súa memoria, abrir o camiño á protección e á posta en valor dos nosos recursos patrimoniais.

Co novo goberno mudaron os responsábeis políticos, mais a inoperatividade da Administración na resolución dos problemas ambientais xerados pola construción da autovía Ferrol-Vilalba segue a ser a día de hoxe a mesma. Varios dos nosos ríos agonizan no medio do limo que baixa dos taludes da Mourela e o Lavadoiro. Dende a Plataforma cremos que esta situación non pode ser sostida no tempo e demandamos das autoridades locais e autonómicas o inmediato selado dos taludes así como o establecemento das medidas necesarias para a recuperación do río Chamoselo e as ribeiras do río Eume. Os nosos ríos, ou o que queda deles non poden agardar máis tempo.

Lamentamos ademais a ineficacia e a ineptitude dos nosos administradores que non souberon compatibilizar o progreso coa conservación dos recursos naturais e culturais do territorio, e que non escoitaron as propostas plantexadas dende a Plataforma e ADEGA para execución dun túnel que salvagardaría o círculo lítico da Mourela e impediría a construción dos taludes que a día de hoxe son fontes contaminantes dos ríos Eume e Chamoselo.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.