Mostrando postagens com marcador enquisas. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador enquisas. Mostrar todas as postagens

22/06/2009

Segundo os usuarios enquisados o rexistro informatizado dos elementos sitúase como a principal acción para frear as agresións ao patrimonio

Logo de pechar a enquisa realizada nos últimos oito meses, 51 usuarios do blogue sinalan o rexistro informatizado dos elementos, a información e asesoramento aos propietarios e a sinalización dos elementos como as principais medidas encamiñadas a frear as agresións ao patrimonio cultural do país.

A elaboración de roteiros culturais ocupa o derradeiro posto por detrás da delimitación da área de protección dos elementos, a limpeza e o acondicionamento dos entornos e a denuncia das agresións ao patrimonio.

Preme na imaxe para ampliar

Da presente enquisa, aínda que cunha mostraxe limitada, tíranse as seguintes conclusións:

- O rexistro informatizado dos elementos situase como a primeira medida encamiñada a frear as agresións patrimoniais, constituindo bases de datos informatizadas que agrupen o inventario, a cartografía e a bibliografía existente sobre cada elemento individual.

- A información e asesoramento a propietarios de terreos onde se emprazan os elementos, posiciónase como a segunda medida máis valorada. Moitas das destrucións ao patrimonio no noso país, prodúcense como consecuencia dunha falta de información ou descoñecemento por parte destes propietarios, na súa maioría como consecuencia de actividades agroforestais que danan ou alteran gravemente as estruturas, sen que dende a administración exista unha preocupación por asesorar e informar aos propietarios sobre as limitacións e prohibicións existentes sobre os elementos e as súas áreas de protección, así como por formalos e educalos no respecto e valorización destes elementos patrimoniais.

- A sinalización dos elementos posiciónase en terceiro lugar. Cumpre manter unha política de aproveitamento e difusión dos recursos naturais e culturais do país. Desbotando falsos prexuizos ou afirmacións tales como que as estruturas cubertas de vexetación e sen sinalizar son menos alterables que as que están á vista. Precisamente, en moitas ocasións o descoñecemento da súa existencia ocasiona graves danos nas estruturas debido ao paso de maquinaria agrícola e á plantación de especies forestais altamente prexudiciais para a integridade estrutural dos elementos.