Mostrando postagens com marcador arquivística. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador arquivística. Mostrar todas as postagens

07/07/2011

Desaparece da Catedral de Santiago o Códice Calixtino

El País
07/07/2011
Jesús Duva

O Códice Calixtino ou Codex Calixtinus, un libro do século XII de valor incalculábel, desapareceu da Catedral de Santiago de Compostela, no que pode ser un dos furtos máis importantes do patrimonio histórico e artístico. A ausencia do códice, que se gardaba nunha caixa forte do arquivo, descubriuse o martes á tarde, aínda que a sustracción se produciu a semana pasada, conforme fontes policiais.

A caixa forte onde se gardaba o valioso códice tiña as chaves postas cando se descubriu a desaparición, segundo as devanditas fontes, o que descarta que o autor ou autores da sustracción usaran a forza ou a violencia para apoderarse del. A caixa forte encóntrase nunha zona de acceso restrinxido do arquivo catedralicio, á que teñen acceso moi poucas persoas (cinco ou seis ao máis), que xa foron interrogadas pola policía.

Porén, o control sobre as chaves era "bastante laxo", polo que é posíbel que algún intruso se apoderase delas e abrise o cofre blindado sen dificultade. As persoas que tiñan acceso ás chaves xa foron interrogadas, sen que, por agora, se teña sospeita de ningunha delas.

O furto (non se pode falar de roubo, ao non ter existido forza nin violencia) produciuse a semana pasada. Porén, non foi advertido até o martes. Desconcertados, os responsábeis do arquivo catedralicio pensaron que a que se considera primeira e máis célebre guía para peregrinos se extraviara e buscaron por todas partes, sen atopar o menor rastro. Ante a evidencia, onte cursaron a denuncia correspondente na comisaria do Cuerpo Nacional de Policía de Santiago de Compostela.

"O mellor que pode acontecer é que o códice estea en mans de alguén que coñeza o seu valor incalculábel porque así estaremos seguros de que non o maltratará", comenta un mando policial. A Jefatura Superior de Policía de Galicia dispuxo "todos os efectivos que sexan necesarios" para recuperar o texto, á vez que hoxe se incorporarán ás pesquisas dous especialistas da Brigada Central de Patrimonio Histórico.

Especialistas citados por El Correo Gallego cren que pode tratarse dun roubo por unha banda organizada que podería actuar por encargo dalgún coleccionista. Fontes da investigación citadas pola Cadena SER pensan que o exemplar se encontra xa fóra de España.

Composto por cinco libros e dous apéndices, aínda que encadernado nun tomo único en 1964, o códice, que naceu co obxectivo de propagar a devoción polo apóstolo Santiago, era unha especie de guía para os peregrinos que se dirixían á cidade, con consellos, posíbeis hospedaxes, descricións da ruta, das obras de arte así como dos costumes locais das xentes que vivían ao longo do Camiño. Tamén contén ricas ilustracións e vintedúas pezas polifónicas que se contan entre as máis antigas de Europa. Mide 30 por 21 centímetros e consta de 225 folios de pergamiño.

Nos últimos anos, aumentáranse as medidas de seguridade para protexer o códice, gardada nunha zona dotada cun sistema de alarmas e contraincendios, pero que non rexistra todos os movementos nas distintas estancias. Ademais, conforme este diario, hai cinco cámaras de seguridade, pero ningunha delas enfocaba o libro. Aparte do orixinal desaparecido, existe unha réplica exacta, coa que traballan os especialistas acreditados, que poden ver os visitantes do Museo da Catedral. O orixinal só se amosaba en grandes ocasións, a última vez, de acordo coa Voz de Galicia, hai uns dous meses a persoal do Ministerio de Cultura.

O deán, José María Díaz, informou onte ao Cabido da Catedral e ao arcebispo, monseñor Julián Barrio, da desaparición do códice, cuxo orixinal latino, patrocinado en boa parte polo Papa Calixto II (de aí o seu nome), foi traducido o ano pasado ao galego.

Pode que tamén te interese:  O Códice como "Punta de Iceberg"

13/03/2009

Hoxe preséntase no Museo Etnográfico da Capela o Fondo Documental para o Coñecemento do Eume

Hoxe, ás 19.30 horas, preséntase este proxecto e a páxina web na que se mostra unha parte deste fondo referido á Historia do territorio de actuación da Asociación EuroEume. Esta presentación pública terá lugar no Museo Etnográfico da Capela. No acto proxectarase un audiovisual, elaborado especialmente para a ocasión, no que se poderá ver e escoitar unha explicación detallada do que é o Fondo Documental e das seccións nas que se divide a páxina web. Proxectarase tamén, a modo de mostra dos contidos da páxina, un pequeno documental elaborado en base a parte do material recollido sobre “Os usos e costumes” do territorio.


Fondo Documental para o Coñecemento do Eume from euroeume on Vimeo.