08/02/2013
Xove
O petróglifo de Monte, o primeiro inventariado no concello de Xove, atópase nunha rocha da fina denominada "Casa do Cura", en Penas Agudas (parroquia de Monte). Este petróglifo foi incluído polo Servizo de Patrimonio da Consellaría de Cultura no Inventario de Xácigos Arqueolóxicos coa denominación "Petróglifo de Monte" coa clave GA27025030.
Os petróglifos son gravuras feitas nas rochas. Trátase da manifestación artística máis xenuína da prehistoria de Galiza. A maioría destes xacementos datan da Idade do Bronce e, aínda que se atopan en todo o territorio galego, abondan especialmente nas Rías Baixas.
A rocha da "Casa do Cura" ten gravados 18 buraquiños semiesféricos, coñecidos como coviñas ou cazoletas, e varias liñas serpentiformes. Este é o primeiro petróglifo descuberto en Xove que vén a sumarase aos xa dados a coñecer por Mariñapatrimonio: O do Castro da Atalaia (San Cibrao); o do Castro do Coído, os do Castro de Burela e os podomorfos nas Anzas (Ribadeo).
O petróglifo de Monte, ao incluíreno no Inventario do Patrimonio Cultural de Galiza, conta coa máxima protección por tratarse dun Ben de Interese Cultural (BIC).
Este achádego, que confirma a riqueza arqueolóxica da nosa comarca, aporta novos datos para o estudos desta interesante manifestación cultural da Prehistoria na Mariña.
+ FOTOS: picasaweb/PetroglifoCasaDoCuraMonteXove
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.