26/02/2013
Carral
O Concello de Carral vén de adquirir os terreos do castro de As Travesas. O prezo pagado pola superficie ao particular ao que pertencía acadou os 68.800 euros. O Concello aportou o 20% do custe e a Deputación financiou o 80%, segundo fontes municipais, dacordo a un convenio entre a entidade local e a provincial modificado no 2011 para permitir a adquisición das terras do castro.
Os terreos adquiridos suman un total de 30.000 metros cadrados, que estaban divididos en varias fincas. O Concello garante que os predios mercados cubren toda a superficie que se atribúe ao xácigo. O Goberno local afirma que o 20% que aportou, o que supón preto de 13.700 euros, procedía dunha partida reservada á adquisición de bens e terras consignada nos orzamentos municipais do ano pasado e garante que, se os fondos destinados á compra de patrimonio fosen insuficientes, Intervención impediría realizar a operación.
Proxectos futuros
A compra do castro de As Travesas, asinada o pasado mes de decembro coa expropietaria, chega ao tempo que o proxecto de musealización dos restos escavados no lugar. Cun orzamento de 67.445 euros do Consorcio As Mariñas e dentro do Plan de Dinamización do Produto Turístico, Carral ultima a creación dunha colección visitable cos restos do xácigo. En relación con este proyecto expositivo, o Concello prevé acondicionar tamén o propio castro para convertilo tamén nun espazo visitable e que os asistentes poidan observar os restos arqueolóxicos no mesmo contexto no que tiveron vida no seu momento, entre os séculos IV antes de Cristo e VI despois de Cristo.
O acondicionamento do castro para a recepción de visitas plantéxase nunha segunda fase. O proxecto prioritario agora será desenvolver a colección visitable, que se ubicará na Casa da Cultura carralesa. Asociado a este espazo crearase, ademáis, un laboratorio no que traballar cos achádegos.
O plan para o castro proxéctase para máis adiante e en función dos recursos dispoñibles, apunta o director da escavación e líder do proceso de musealización, Antón Malde. O arqueólogo sostén que o prioritario agora é ubicar os restos xa escavados e catalogados. Unha vez resolta esta primeira fase, sinala Malde, poderá acondicionarse o castro e, logo, cecais pensar en volver a escavar.
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.