09/08/2012

Máis de 100 persoas logran impedir o derrube dunha vivenda ilegal


Faro de Vigo
9/08/2012
Nigrán

Máis de 100 persoas lograron impedir este xoves o derrube por orde xudicial dunha vivenda unifamiliar de Nigrán (Pontevedra), declarada ilegal polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

A sentenza do máximo órgano xudicial de Galicia ordeaba a demolición inminente do inmoble para as 9.00 horas de hoxe, pero os veciños da familia afectada e varios membros da plataforma Stop Desahucios conseguiron impedir o acceso da maquinaria obstaculizando o camiño de entrada con varios vehículos.

Á casa só puideron acceder tres axentes da Policía Local de Nigrán poucos minutos despois da hora indicada pola autoridade xudicial para notificar a orde e dar fe da oposición dos propietarios da vivenda, Santiago Piñeiro e Ana María Taboada, que viven coas súas dúas fillas, de 21 e 16 anos de idade.

Os donos do inmoble, construído sobre chan rústico non edificable, asumen que a súa propiedade está en situación irregular pero denuncian un trato desfavorable por parte do Concello de Nigrán. Falan de "intereses políticos", xa que o proceso xudicial abriuse hai máis de 10 anos por mor da denuncia dun aserradoiro anexo que pertence ao pai da actual concelleira de Persoal, Ana Rosa Costas.

Aserradoiro ilegal construído sobre un castro
Segundo aseguran Piñeiro e Taboada, esta empresa carece de licenza e as súas instalacións foron levantadas sobre un castro catalogado, un feito que "a Xunta de Galicia denunciou".

Neste escenario, pregúntanse por que non se derruba este inmoble, dado que tamén existe unha sentenza dos tribunais contra el. A este respecto, Piñeiro asegurou que "algo falla" e reclamou "unha solución" ao alcalde, Alberto Valverde, do Partido Popular.

Pola súa banda, Ana María Taboada relatou que, tras denunciarse "mutuamente", as dúas partes alcanzaran un acordo para frear a vía xudicial. Con todo, criticou que o aserradoiro non cumpriu o acordo e "atacaron máis" a esta familia.

Taboada explicou tamén que existe un proxecto de legalización, a través do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Nigrán, que está pendente de ser aprobado inicialmente por parte da Xunta antes de que acabe o verán.

Manifestación
Logo da marcha da Policía Local e dos operarios da empresa encargada de acometer o derrube, preto de medio centenar de persoas, entre eles Santiago Piñeiro e Ana María Taboada, emprenderon unha marcha improvisada cara a porta de entrada do aserradoiro.

Alí, volveron denunciar a situación "ilegal" deste mediante berros durante un cuarto de hora, tras o cal volveron á casa da familia afectada.

Tras conseguir paralizar a demolición, Ana María Taboada mostrouse "moi contenta" polo logro e polo apoio dos seus veciños.

E é que, como admitiu, a familia "non ten onde ir". É por iso que chegarán "até o final" con este asunto, xa que non pensan moverse da súa casa.

Santiago Piñeiro explicou que agora ábrese un prazo aproximado dun mes ata que chegue unha nova orde de derriba que poida requerir a intervención do Corpo Nacional de Policía.



Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.