26/08/2012

Descuberta unha rúa do Castro de Armea


Unha calzada galaico-romana enriquece o legado de Armea

La Region
Allariz - 07-08-2012
Laura Fernández

A segunda campaña de escavacións descobre unha rúa de 35 metros e os restos dunha muralla

A parroquia alaricana de Santa Mariña de Augas Santas segue sendo unha fonte inesgotable de bens arqueolóxicos. A segunda campaña de escavacións no lugar da Atalaia do Castro de Armea que durante o mes de xullo desenvolveu o Concello de Allariz, baixo a dirección de David Pérez e Celso Barba, deixou ao descuberto os restos dunha antiga calzada galaico-romana de 2,8 metros de ancho e 35 de longo.

Trátase dunha rúa que data dos séculos III e IV, de trazado recto e ben pavimentado, que divide as diferentes casas habitacionais do poboado, 'cunha canteiría exquisita', apunta o arqueólogo David Pérez.

A zona escavada abrangue unha superficie de 150 metros cadrados nunha continuación do territorio explorado o ano pasado e onde se atoparon os primeiros muros dunha antiga vila galaico-romana. Segundo o levantamento topográfico realizado por Pérez e Barba, o poboado da Atalaia acada unha extensión de 4,8 hectáreas.

Os achados complementarán a ruta turística xa sinalizada polo Concello e que, case a diario, realizan nutridos grupos de turistas e profesionais do gremio. En setembro, será a quenda para os labores de restauración e consolidación dos muros, co obxectivo de que non se deterioren co paso do inverno, así como a retirada dos cascallos, incluídas algunhas das pedras que acumulou Conde Valvís nas escavacións dos anos 50 do século pasado.

Moi satisfeito polo resultado desta segunda campaña, o rexedor alaricense Francisco García apuntaba o seu desexo de seguir apoiando os traballos en Armea. 'A expensas da situación económica, unha das nosas prioridades anuais será continuar cas escavacións na Atalaia, utilizando persoal propio, co obxecto de facela máis atractiva para os visitantes', recoñecía García, aínda que matizou que nun futuro próximo a intención municipal é establecer visitas guiadas e produtos de merchandising que relancen, turísticamente falando, todo o conxunto de Santa Mariña de Augas Santas


Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.