02/05/2012

A Xunta cedeu a xestión do seu parque rupestre a familiares de cargos do PP

El País
30/04/2012
O. Iglesias e A. Leyenda


A Consellería de Cultura cedeu a concesión do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, a comezos de febreiro, á empresa Espiral Xestión Cultural S.L., constituída o 1 de xaneiro de 2012 con 3.000 euros de capital social. Os seus dous administradores solidarios son Jorge Sayáns, fillo do alcalde de Campo Lameiro, Xullo Sayáns, do PP e con bastón de mando desde 1983, e Juan Manuel Boullosa, irmán da concelleira María das Neves Boullosa. O obxecto social da empresa de novo cuño é a prestación de servizos relacionados coas actividades multimedia en xeral.

Sayáns xa exercía como xefe de mantemento e Boullosa de responsable de administración no organigrama de Ingenia QED, a adxudicataria do concurso público para a explotación do centro. Pero a empresa entrou en concurso de acredores e pactou coa consellería subrogar o seu contrato en favor de Espiral, creada ad hoc con este fin. O contrato, que non foi publicitado pola Administración, dura até 2014 e acada os 544.500 euros revisables.


Agora mesmo, o "Pórtico da Gloria da arte rupestre", segundo o discurso do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, está xestionado por unha empresa que non acreditou, á chamada deste xornal, probas da solvencia técnica que require a Lei de Contratos do Sector Público. "Esa información non podemos facilitala por respecto a esas empresas que colaborarían para achegar esa solvencia, non temos o seu permiso", sinalaron. Sobre o procedemento usado para concederlle a xestión a Espiral e se agora mesmo rexe o mesmo prego de condicións que valeu para outorgarlla a Ingenia, a Xunta responde que a cesión prodúcese "dentro da Lei de Contratos do Sector Público de 2007". "O contrato subrogouse nas mesmas condicións que tiña a anterior empresa. Segundo esa lei, modificada en decembro de 2011, as persoas xurídicas só poderán ser adxudicatarias de contratos "dentro dos fins, obxecto ou ámbito de actividade que, a tenor dos seus estatutos ou regras fundacionais, lles sexan propios". As actividades multimedia que declara a empresa, case idénticas ás que figuran como obxecto social de Ingenia QED, que obtivo proxectos museísticos como o do Museo Nacional de Altamira, pouco teñen que ver coa explotación dun centro cultural como o de Campo Lameiro. Segundo fontes xurídicas consultadas polo PAÍS, permitir a cesión dun contrato dunha empresa declarada en concurso de acredores é unha "aberración". Procedía a resolución do contrato e novo concurso, non unha cesión.

Feijóo, saíndo dunha réplica "experimental " dunha campaña 
prehistórica no Campo Lameiro. FOTO: Carlos Puga

Este xornal non puido contactar con ningún responsable en activo de Ingenia, aínda que Carmen Bo, antiga coordinadora do parque, quixo declarar que Sayáns e Boullosa "deixáronse a pel por Campo Lameiro".

Para o director do parque, José Manuel Rei, un técnico da consellería cun sólido nome no mundo arqueolóxico, estes vaivéns non afectan o desenvolvemento do proxecto cultural. É máis, apunta que a chegada de Espiral Xestión Cultural supuxo unha "mellora notoria". Segundo os seus datos, no seis meses de Ingenia QED á fronte de Campo Lameiro, 12.372 persoas (82 ao día) visitaron o centro. Aínda que nas condicións da adxudicación se recoñecía que non había previsión de visitas, os medios difundiron ao día seguinte da apertura, en xullo, unha estimación de 80.000 ao ano. Os resultados de Semana Santa "foron moi satisfactorios", hai 4.000 reservas para maio e xuño e o número de escolares "triplicouse".

Situados en Campo Lameiro durante un día laborable, con todo, alí só había empregados. Avanzado o percorrido polas 22 hectáreas do recinto, dous veciños irromperon cun rabaño de cabras. Pola mañá estivera un grupo de 34 persoas. Rei afirma que o parque "consolidará a súa oferta" e que está a conseguir o equilibrio entre conservación, investigación e difusión dos excepcionais petróglifos que alberga. Non detalla o persoal que se adica a investigación. Glosa os "evidentes" avances en arqueoloxía experimental e cita a súa participación, xunto con outros centros de referencia europeos, en diversos proxectos destinados a potenciar as novas tecnoloxías. "O prestixio e a consideración lóitanse e gáñanse día a día", replica o director cando lle cuestionan as xornadas gastronómicas prehistóricas como vía para facelo. E lembra que o conxunto de petróglifos, dunha factura e conservación extraordinarias, foi incluído no itinerario cultural Camiños de Arte Rupestre Prehistórico do Consello de Europa. É un paso para ser recoñecido como Patrimonio da Humanidade.

Fronte á optimista visión do director, estes primeiros meses de vida do parque interprétanse como un fracaso fóra do ámbito institucional. Nesta liña, o arqueólogo Xurxo Ayán cre que o ocorrido en Campo Lameiro era previsible, debido a un modelo de xestión "totalmente insustentable". Vaticina que o centro, unha infraestrutura cultural de 10,6 millóns de euros, acabará sobrevivindo "como unha aula didáctica máis, a base de visitas de escolares". Por "falta de reflexión", o "enfoque tecnocrático" da Administración e a desconexión coas comunidades locais. Tamén apunta dous clásicos, non imputables exactamente á Xunta: a insuficiente valoración social do patrimonio e as guerras localistas entre municipios.


"O neno naceu mal, vive mal e non morrerá de éxito"
A última promesa da Xunta sobre os outros grandes parques da Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico (RGPA), cultura castrexa (San Cibrao de Lás, en Ourense), megalitismo (pendente de localización na Costa da Morte) e romanización (Lugo), queda en Ourense: prometeuse inauguración en 2010. Á pregunta de agora, Cultura fala de San Cibrao, onde se está procedendo "á licitación da urbanización exterior e do mobiliario do edificio". Só San Cibrao (200.000 euros este ano para xestión e cantidades menguantes a partir de 2013) e o do megalitismo (200.000 agora e 500.000 en 2013) teñen desagregación orzamentaria. Campo Lameiro e San Fernando, non.

"O neno naceu mal, vive mal e morrerá peor", critica o profesor da Universidade de Santiago Antón Rodríguez Casal ante o proxecto inicial da RGPA. Forma parte da comisión técnica do parque do megalitismo, pero aínda agarda unha chamada. En Lugo non é mellor. Sobre o que habería de ser parque "do mundo romano", o último orzamentado son os 221.607 euros para a redacción do proxecto. Segundo Patrimonio, empezarase a partir do verán. O caso é que o concello de Lugo pechou o vello cuartel de San Fernando, por se a alguén lle cae un cascote. "Como tarden dous anos quizais non haxa que rehabilitar", sinalan fontes municipais, esixindo obras de apontoamento.

Nacido ás costas da comunidade arqueolóxica, a RGPA publicitouse coas feridas abertas entre Universidade, empresas e Administración: entre 1989 e 2006 (os anos de chumbo, segundo lembran algúns investigadores), non se divulgaron as actuacións arqueolóxicas. A RGPA foi presentada en 2001 polo entón conselleiro, Jesús Pérez Varela, para "recuperar a memoria histórica e potenciar o turismo". "Virán vernos desde todo o mundo", dixo, na lóxica do Gaiás. A idea, que custaba 18 millóns de euros até o seu cristalización (en 2005), foi criticada en público. Sobre todo a partir dese ano. "O importante é o patrimonio, non os centros", dixo en 2008 o exresponsable do ramo durante o bipartito, Felipe Arias. A reforma da RGPA non se fixo tanxible entón. Tampouco a reforma da Lei de Patrimonio de 1995.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.