La Voz de Galicia
01/05/2012
Galicia
Marcos Gago > Caldas
A Consellaría de Cultura foi condenada a pagar á promotora pontevedresa BBT 265.971 euros, máis os intereses de demora e costas, por unha cata arqueolóxica nun soar onde se levantou un edificio en Caldas de Reis. A resolución xudicial partiu dunha demanda interposta ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia pola promotora, como consecuencia da falta de resposta da Consellaría á súa demanda de que abonase a parte que lle correspondía da escavación.
Os feitos remóntanse aos anos 2006 e 2008, cando a promotora BBT estaba a levar a cabo a construción dun edificio de vivendas na rúa Ferrería número 59, de Caldas.
As sondaxes estaban obrigadas por Lei, xa que este predio se encontra dentro da área de protección arqueolóxica do casco urbano de Caldas. A empresa incorreu nuns gastos que lle supuxeron 265.971 euros e a promotora pediu o seu reembolso á Consellaría citando a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia de 1995. “Ao ser a promotora das obras unha entidade privada, a Consellaría debe contribuír a sufragar os custos do proxecto”.
Nas súas consideracións, o maxistrado criticou a actuación da Consellaría nesta reclamación. “A Administración non só omitiu a remisión da comunicación sobre o prazo de duración do procedemento e o efecto de silencio [...], senón tamén a obriga de resolver sobre a concreta petición no prazo de tres meses desde a súa presentación”.
Dáse a circunstancia ademais de que a promotora en cuestión se encontra desde o ano pasado en situación de administración concursal, que está sendo tramitada polo Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra.
A promotora, que recibirá 266.000 euros, fixo unha cata previa a un edificio en Caldas.
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.