Reproducimos eiquí esta nova de MariñaPatrimonio na que se dá conta dun máis destes casos onde a deixadez vai da mao da máis evidente incompetencia como adoita ser tan corrente no noso patrimonio.
Tala con maquinaria pesada dentro das estruturas defensivas do castro |
Un erro dos técnicos que catalogaron o castro de O Redondo déixano sen a protección legal que ampara este tipo de bens
O 27 de febreiro de 2012 ADEGA e Mariñapatrimonio denunciamos perante o Servizo de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e o SEPRONA unha tala de eucaliptos que podía afectar o xacemento arqueolóxico de O Redondo, no lugar de Tarroeira, concello do Vicedo (Lugo). Este castro, catalogado dende o 2001, está protexido por lei para evitar o seu deterioro ou destrución, e calquera intervención nel debe ser autorizada pola Consellería de Cultura.
O 29 de febreiro os técnicos da Xunta realizaron unha inspección neste castro e constataron que, efectivamente, dentro das súas estruturas defensivas se estaba a realizar a tala denunciada, sen a preceptiva autorización. Comprobaron, ademais, que o “castro está mal situado”, o cal non quere dicir que os castrexos no seu momento levantaran o seu poboado nun lugar pouco axeitado, senón que os técnicos que o catalogaron situárono nun lugar equivocado. Deste xeito, estívose protexendo un xacemento inexistente ao tempo que se deixaba sen protección o castro de O Redondo.
Fotos: MariñaPatrimonio, para ver + clicka en: MariñaPatrimonio
Basa de columna atopada no castro do Redondo |
Este novo caso de tala sobre un xacemento arqueolóxico e o erro na súa ubicación, confirman a ineficacia dos poderes públicos e a súa incapacidade para frear a continua agresión do noso patrimonio.
(Nota de prensa de ADEGA e MariñaPatrimonio)
Fotos: MariñaPatrimonio, para ver + clicka en: MariñaPatrimonio
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.