Neixón recupera as 15.000 pezas achadas no xacemento
La Voz
Ribeira 08/04/2012
Marta Gómez
Uns 300 restos formarán parte dunha mostra
que se está deseñando
Facía moito tempo que o Centro de InterpretaciónArqueolóxica de Barbanza esperaba poder ver reunidos todos os tesouros saídos
das escavacións realizadas no castro de Neixón e, ao fin, esas valiosas pezas,
unhas 15.000, volveron ao lugar do que partiron entre o 2003 e o 2011. As
instalacións xa albergan nos seus interior restos arqueolóxicos que forman
parte do pasado máis antigo do municipio boirense.
Que o centro de Neixón recuperase todas esas pezas non é
gratuíto: forma parte dos trámites para conseguir que o centro arqueolóxico
alcance a categoría de colección visitable. Unha vez que a logre, algo que está
previsto que ocorra nos próximos meses, eses restos non só poderán quedar
depositados nas instalacións de forma permanente, senón que poderán exporse ao
público. De feito, o arqueólogo responsable do recinto, Víctor Barbeito, xa
está a traballar na selección das pezas que formarán unha mostra e que, se nada
se torce, os visitantes de Neixón poderán admirar no verán.
Hasta de cervo
Aínda que falta moito traballo por facer para escoller as ao
redor de 300 pezas que formarán esa colección -non hai espazo nin orzamento
para exhibir unha mostra máis grande- hai algúns obxectos que formarán parte
dela si ou si. Un deles é un mango realizado cunha hasta de cervo, varias
fíbulas -unha especie de broches rechamantes pola súa beleza e detalles propios
dun traballo de ourivaría-, restos de fauna que dan unha idea dos hábitos
alimenticios dos antigos poboadores de Neixón, moitas mostras de cerámica,
entre elas algunha ánfora practicamente enteira, e tamén moedas da época
romana.
Todos estes vestixios estiveron até agora en mans dos
responsables das sucesivas escavacións que se realizaron no xacemento boirense
desde o ano 2003. Agora, e grazas a unha achega da Deputación provincial que
permitirá acondicionar a primeira planta do edificio, poderán exporse no centro
barbancés.
Nas próximas semanas deseñaranse e montarán as vitrinas
necesarias para colocar as pezas, adoptaranse as medidas de seguridade
precisas, adecuarase a iluminación para a conservación dos restos e redactarase
o proxecto museográfico definitivo para a obtención do status xurídico de
colección visitable.
Esa é a finalidade de todo un longo proceso que pretende
converter ao centro de Neixón no primeiro recinto arqueolóxico da comarca coas
características e o status necesario para poder gardar e exhibir restos
prehistóricos. Un obxectivo que aparenta próximo a alcanzarse.
NOTA: A postagem esta "corregida" da nova original aparecida na prensa e na que a "asta de cervo" se converteu por obra e graça do jornalismo numa mais que inverosímil: "Asta de CERDO"
ResponderExcluir