23/12/2009

Quilómetros de patrimonio

La Voz de Galicia

15/12/2009


Os municipios de Sober e Quiroga están a divulgar as súas principais rutas de sendeirismo mediante iniciativas de diverso carácter. No caso de Sober, partiu da asociación cultural O Coado do Vento, que o pasado venres presentou na Casa de Cultura da vila unha serie de folletos nos que se describen oito percorridos por diferentes zonas do municipio. As publicacións foron editadas cunha axuda económica concedida o ano pasado pola Consellería de Innovación e Industria. O colectivo encargouse de deseñar a maior parte destes itinerarios, que se articulan ao redor de diferentes eixos temáticos relacionados coa historia e o patrimonio cultural e natural de Sober.


Petroglifos

As insculturas rupestres da Idade do Bronce protagonizan dúas rutas. Unha delas, O país dos Ibios , toma o seu nome dunha lenda da parroquia de Pinol e enlaza os catro lugares desta zona onde se coñece a existencia de petroglifos, nun percorrido de 3,2 quilómetros. A outra, A Proencia das lendas , ten 2,9 quilómetros e discorre pola parroquia de Proendos, pasado por oito grupos de petroglifos.



Coar

Na parroquia de Bolmente, unha ruta de nove quilómetros une varias paraxes características do canón do Sil coñecidas como coados . Son os lugares aos que podían chegar os carros que se levaban a esta zona para recoller cestas de uvas e cargas de leña.


O Coxo de Bulso

Unha ruta circular de 12,3 quilómetros discorre polas parroquias de Santiorxo, Bulso, Santa Cruz, Lobios e Pinol. O nexo de unión destes lugares é a historia dun indiano do século XVIII que fixo construír o santuario de Cadeiras, supostamente para expiar algún crime, e que deixou un rastro lendario na tradición oral.



O cabalo de Santiago

A tradición oral centra tamén a ruta O prodixioso salto do cabalo de Santiago, pero neste caso a historia ten un carácter fantástico. A tradición di que o apóstolo e o seu cabalo saltaron sobre o Sil desde a Tapada do Monte, en Anllo Santo Estevo, até as proximidades do mosteiro de Santo Estevo de Ribas do Sil, en Ourense. O itinerario que reproduce este salto ten 10,2 quilómetros.


Muíños do Xabrega

Un itinerario de 1,5 quilómetros segue o curso do arroio Xabrega desde un conxunto de muíños restaurados até a súa desembocadura no Sil, xunto ao embarcadoiro de Os Chancís.



Ribeira de Amandi

Un percorrido de oito quilómetros de lonxitude une o lugar de Souto Chao coa parroquia de Amandi, pasando por diversos lugares representativos da paisaxe vitícola do Sil.


Viñedos da Ribeira Sacra

Esta ruta, de 11,5 quilómetros, é a única da serie que non foi trazada pola asociación O Coado do Vento e forma parte da rede galega de carreiros de pequeno percorrido. Discorre polas beiras do Cabe e une as casas de turismo rural de Rosende e Anllo, terminando no Cotarro do Castro.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.