27/04/2009

MariñaPatrimonio atopa en Cervo un útil para cortar de 300.000 anos

El Progreso de Lugo
24/4/2009
Edición A Mariña

Se alguén puña en dúbida a riqueza arqueolóxica do concello de Cervo, un novo achádego disipa toda dúbida ao respecto. Aos importantes restos achados na zona da Atalaia, en San Cibrao, que parece esconder baixo as súas terras areniscas todo un tesouro da antigüidade, hai que sumar agora unha nova peza atopada na zona de Pedrosa que o colectivo cultural MariñaPatrimonio cedeu ao Museo do Mar para poñela ao alcance de tódolos cidadáns. Trátase, segundo explicou o presidente do colectivo, Francisco Luis Rodríguez Guerreiro, dun "útil lítico" cuxo uso remóntase a fai uns 300.000 anos, en pleno Paleolítico Inferior. O interese arqueolóxico da peza é "de gran interese", xa que supón "o vestixio máis antigo da presenza humana no municipio de Cervo".


O tamén directivo de MariñaPatrimonio Manuel Miranda explicou que o achádego da peza, como todo o que se atopa sen buscar, foi de casualidade. "Fai uns tres meses uns rapaces informáronnos de que na zona de Pedrosa había uns petroglifos, fomos a velos e vimos que había cuarcitas entre os muros de granito, e unha delas estaba manipulada, que é esta peza". O útil en cuestión é unha pedra de cuarcita duns 20 centímetros de longo por 15 de ancho, cun dos seus bordos lonxitudinais máis aguzado.


Coa peza nas mans, contactaron co director do Museo Arqueolóxico de Vilalba, Eduardo Ramil Rego, un dos especialistas máis prestixiosos de Galicia sobre o Paleolítico, quen lles indicou que podería tratarse dun útil empregado polos primeiros poboadores de Cervo fai uns 300.000 anos como "fendedor para partir osos ou tamén para curtir coiros ou raspalos", aínda que para determinar o seu uso exacto dixo que se debe estudar con máis detalle, para observar o número de cortes que se fixeron para tallala, así como o seu ángulo. O colectivo tamén comunicou o achádego á Dirección Xeral de Patrimonio, que os instou a entregala nalgún museo, e decantáronse polo do Mar de San Cibrao, sinalou Rodríguez Guerreiro, ao que tamén acompañou no acto o responsable de Cultura da Deputación, Antonio Veiga.

Reivindicación
Os integrantes de MariñaPatrimonio destacan, con este novo achádego, que se atoparon en Cervo restos de tódolos periodos históricos e sinalan a importancia que ten o seu estudo e dalos a coñecer a toda a cidadanía.

Por outra banda, criticaron que aínda non obtiveron resposta por parte da Xunta sobre o achádego, fai uns meses, de petroglifos na Atalaia, que piden considerar coma un Ben de Interese Cultural.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.