22/12/2008

Os cazadores do paleolítico dominaban diferentes técnicas de cocción


EFE Axencias
18/12/08
Santander

Esta afirmación acaba de ser probada nun estudo realizado polas Universidades de Cantabria e Nuevo México.

Esta é a conclusión dun dos traballos aos que levan dado pé as escavacións realizadas na cova do Mirón, en Ramales de la Victoria, un xácigo de 18.500 anos no que traballa desde fai anos un equipo multidisciplinar dirixido polos profesores Manuel González Morales e Lawrence Straus.



Este descubrimento sobre as técnicas de cocción na prehistoria forma parte da tese doutoral do investigador nipón Yuichi Nakazawa e acaba de ser publicado na edición electrónica da revista estadounidense "Journal of Archaeological Science" ("Diario de ciencia arqueolóxica").

A investigación baséase no estudo dun dos fogares de cociña identificados na cova, no que se levan atopado numerosos restos cociñados de animais (sobre todo cabras e cervos), xunto a instrumentos de sílex e cantos rodados de arenisca avermellados e fracturados pola súa repetida exposición ao lume.



Un programa experimental levado a cabo polo equipo da Universidade de Nuevo México (EEUU) que traballa en El Mirón, permitiu verificar que a fractura das pedras era o resultado de sucesivos ciclos de quencemento a altas temperaturas no fogar, seguido de enfriamentos bruscos por inmersión.

Os científicos que traballan nesa cova aseguran que teñen probas de que, entre os seus inquilinos no Magdaleniense, era una práctica xeralizada ferver auga para cocer ósos e extraer a graxa, que se podía consumir directamente ou ben separada para que se solidificase e puidese ser empregada máis adiante.



"Así, frente á imaxe tradicional do asado como única forma de preparar os alimentos por parte dos cazadores paleolíticos, que vemos en moitos museos e obras de divulgación, agora sabemos de xeito contrastado que controlaban as técnicas de cocción xa nunha data moi temperá", explica o catedrático González Morales, director do equipo do Instituto Internacional de Investigaciones Prehistóricas de Cantabria (IIIPC).

Para este traballo, recolléronse case 5.000 restos de talla de pedra, ósos de animais e cantos rodados nunha escavación de cinco metros cadrados de superficie e 20 centímetros de espesor en torno ao fogar. Outros dos membros do equipo de investigación, David Cuenca e Jorge Caro, trataron todos os datos obtidos deses restos para analisar a súa distribución.

A partir da análise deses restos, explica a Universidade de Cantabria, puidéronse reconstruir os procesos de utilización dos cantos empregados para ferver auga e o seu posterior abandono en torno á fogueira.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.