30/8/2011
Cun orzamento de licitación de 226.560 euros, os traballos están financiados polo programa comunitario Feder e pola Xunta e distribúen os fondos en tres anos.
O castro de Viladonga, situado no concello chairego de Castro de Rei, recibirá nos próximos meses unha nova fase de melloras que permitirán a limpeza dunha parte do recinto e a consolidación dalgúns muros, que tamén se limparán. Cun orzamento de licitación de 226.560 euros, cuxa orde se publicou onte no Diario de Galicia (DOG), os traballos están financiados polo programa comunitario Feder e pola Xunta e distribúen os fondos en tres anos.
Felipe Arias, director do museo arqueolóxico situado xunto ao castro, explicou onte que os traballos se realizarían en varios lugares do recinto: a entrada á croa, a zona centro e a zona norte serán os espazos nos que actuará.
A execución deses traballos -continuación doutros xa desenvolvidos anteriormente, como lembrou Arias- permitirá, entre outros obxectivos, corrixir problemas que en boa parte veñen dados polo paso o tempo. As inclemencias meteorolóxicas, reflectidas en invernos nos que aparecen xeadas e algunhas nevaradas, son unha das causas, sen esquecer os materiais que no seu momento empregáronse na construción do recinto: Arias destacou que por ser un castro «feito de xisto e de lousa» a deterioración podía resultar máis evidente nalgúns aspectos.
Protección e control
De todos os xeitos, a protección legal que posúe o recinto, declarado Ben de Interese Cultural (BIC), e o control derivado da proximidade do museo e do persoal que o vixía fan que se vexa libre de ameazas que padecen outros lugares semellantes.
Emprazado no sueste da comarca da Terra Chá, o castro ten unha superficie total de catro hectáreas, das que se escavaron ao redor da terceira parte.
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.