visita guiada dos veciños da zona onte ao Monte do Castro |
Os Romanos arrasan o Monte do Castro
Faro de Vigo
A. Touriño - Ribadumia
A "dolabra" achada en Ribadumia é a sexta que se atopa en todo o mundo
A influencia do mundo romano en Ribadumia foi a devastación e persecución aos poboadores dun dos castros máis importantes da comarca, quizais tamén de Galicia. Esa é unha das teorías ás que chegan arqueólogos e historiadores despois das escavacións no xacemento de Monte do Castro e, en particular, polo achado de armas propias dos exércitos do Imperio esparexidas ao longo de toda a zona na que traballaron. A "dolabra" que se achou hai medio ano é unha das pezas de máis valor que revalida esta teoría.
A influencia dos romanos no Monte do Castro foi a devastación ao converterse este enclave nun dos obxectivos para o éxito da invasión. Esta é a conclusión á que chegan historiadores e arqueólogos despois de dez meses de escavacións nun xacemento no que xa se sacaron á luz trece cabanas, unha enorme "casa patio" e unha muralla, ademais de miles de pezas, moitas delas cerámicas pero tamén de adorno persoal e armas brancas. Quizais as hipóteses máis importantes do estudo radiquen no feito de que se trata dun dos castros máis importantes de Galicia, situado nunha zona estratéxica á beira do mar, con fortes relacións comerciais e marítimas e que podería estar datado en plena Idade de Hierro, alá polo século IV ou V antes de Cristo.
Pero ese esplendor foi tamén o que o arruinou no primeiro ou segundo século da presente Era, segundo as pegadas que con moito detalle valoran os arqueólogos que realizan este traballo de recuperación patrimonial, financiado polo proxecto Pousadas do Salnés, que dirixe a Deputación de Pontevedra. O final do castro ribadumiense é pura hecatombe pois o poboado non só foi arrasado polos invasores romanos senón que desapareceu entre as chamas, e nunca xamais volveu ser reconstruído.
Os historiadores entenden que o poboado era obxectivo clave para o escarmento que buscaba o exército romano. "Tiñan que buscar un castro importante e arrasalo por completo para dar exemplo aos habitantes dos poboados máis pequenos", explicouse onte aos asistentes á visita guiada, entre o que se atopaban o presidente da Deputación, Rafael Louzán e a alcaldesa de Ribadumia, Salomé Pena. A teoría susténtase en dous achados fundamentais, en particular unha "dolabra" romana e outras armas brancas de parecida época dispersas por todo o xacemento e o mesmo nivel de estratificación de cinza no subsolo que indica que o poboado ardeu por completo.
A aparición da "dolabra" cobra un especial significado polo feito de que se trata dunha arma característica dos exércitos romanos, dos que só se conservan seis exemplares en todo o mundo, o que lle confire un maior valor. É rechamante tamén o feito de que outras armas brancas atopásense en diferentes zonas do lugar escavado, o que demostra que a invasión foi sanguenta, xa que quedou constancia de que non había apego polas armas que se perderon no combate pois "ninguén pasou a recollelas". En definitiva corrobórase a barbarie que se cometeu cos poboadores do castro de Ribadumia que xa nunca máis foi habitado, a pesar de estar situado nunha zona privilexiada fronte á Ría de Arousa. De feito, a pesar da existencia de grandes masas forestais que ocultan a paisaxe, as vistas desde o castro ribadumiense son aínda espectaculares.
O castro conformouse nunha zona tan estratéxica como cómoda para os poboadores. De feito, chégase ao xacemento sen aparencia de subir pendente algunha, pero unha vez no cume compróbase que o castro estaba fortificado. Dita protección era case natural e aínda se observan as dúas trincheiras existentes, pero á vez complementábase cun muro de peche ao longo de todo o perímetro do castro. O muro é un dos achados máis importantes pois se cre que tería unha altura relativamente importante e que no seu parte superior estaría rematado cun enreixado contruida con elementos vexetais. Na próxima fase espérase escavar a zona do balcón superior do castro e a cima, onde poderían acharse edificios públicos e santuarios da época.
+INFO no blog do: Monte do Castro
+INFO no blog do: Monte do Castro
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.