13/12/2011

O menhir esquecido


Un menhir único en Galicia xace no esquecemento entre os felgos en Marín


La Voz de Galicia
Marín, 11/12/2011
Marcos Gago


Nin sequera un cartel advirte ao visitante da presenza en Currás deste resto arqueolóxico que ten 4.500 anos

Situado a dez metros dun descomunal desterre da circunvalación de Marín e rodeado de felgos, o menhir de Currás, o único completo atopado en Galicia, pasa desapercibido para calquera visitante. Parece unha pedra máis entre as casas. Para atopalo, hai que vivir en Currás ou hai que ter unha referencia moi precisa previa, porque nin un sinal axuda a chegar até el e nin un panel describe a súa importancia.O menhir, unha monumental pedra ancorada verticalmente en terra na Prehistoria, é un símbolo en países como Gran Bretaña ou Francia, onde estas pezas son parte da cultura popular grazas en gran medida aos libros de Astérix, de Uderzo e Goscinny. Obélix triunfou na Galia, pero, tras nove anos de esquecemento desde o descubrimento do xacemento no 2003, todo parece indicar que fracasou en Marín. A inmensa mole prehistórica non aparece nos folletos turísticos, nin nas guías oficiais que difunden en Internet o patrimonio cultural da provincia. Os veciños tamén carecen de ningún elemento explicativo que lles aclare a importancia do resto arqueolóxico que teñen diante. E iso que o fixeron os primeiros marinenses hai 4.500 anos.


Escavación concluínte
A pedrafita de Currás, como se lle coñece no folclore local, sempre estivo rodeada de misterio. Uns dicían que era un menhir e outros que non deixaba de ser unha pedra caprichosamente erosionada pola natureza. O agravio resolveuse no 2003, cando as obras da circunvalación de Marín obrigaron a escavalo. O deseño da vía de alta capacidade atravesaba a súa localización orixinal polo medio.

O resultado superou as expectativas. Non só confirmou que se trataba dun menhir, senón que era o único enteiro atopado en Galicia. Só había un precedente, a lapa de Gargantáns, en Moraña, pero neste caso, o monumento estaba partido e o seu parte inferior perdida.

Na base da enorme pedra, de nove toneladas e media de peso, atopáronse outras que a modo de vaso servían de apoio para que se mantivese en pé. Tamén ten petróglifos.

Trasladado de localización dúas veces por causa das obras da estrada até a leira onde repousa actualmente, Cultura anunciou fai nove anos a súa revalorización cun panel explicativo e a súa promoción turística. Nada se cumpriu e até os felgos córtanos, ao parecer, os veciños para dar para comer aos animais.



Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.