04/08/2011

As Obras fan peligrar un castro en Taramancos


Están a descubrir en Taramancos un vello castro, que podería ter elementos romanos

Certo, Xornal Virtual do Barbanza
29-07-2011

Os primeiros traballos da escavación arqueolóxica que se está a levar a cabo en Taramancos, na zona onde vai ir parte da estrada que levará á nova ponte sobre a Ría de Noia, xa revelan datos ben interesantes.

O castro está situado a uns 300 metros da Ría de Noia, na zona de Taramancos. Na imaxe inferior, os anacos alaranxados correspóndense con restos de tegula romana (tella). Segundo os arqueólogos que alí traballan, podería indicar que un dos estratos temporais atopados en Taramancos é da época romana, aínda que é probable que se superpoñan distintas épocas.

Restos de cerámica romana visiveis durante a excavación

De confirmarse esta orixe romana -algo aventurado polo de agora, pois están nos inicios dos traballos e teñen para dúas semanas máis polo menos- tería moita importancia histórica para un municipio como Noia, na que apenas se atopan vestixios de orixe romana no casco chamado histórico. Case non se recollen nos escritores romanos Plinio, Pomponio Mela ou Antonino referencia algunha a Noia: os únicos recollidos nas últimas investigacións realizadas ao respecto refírense a uns pequenos restos de cerámica de orixe romana durante a rehabilitación dun edificio en Montero Ríos (a antiga drogueria de Molina), e algún resto menor na rehabilitación do edificio de Caixagalicia na Porta da Vila.

O eclesiástico, arqueólogo e historiador noiés Eladio Oviedo Arce referiuse no seu día a  importantes restos de orixe romana na Barquiña, pero non semella moi acreditado, e incluso algo esaxerado na súa descrición (Oviedo Arce foi un dos primeiros en liarse a manta á cabeza para declarar a Colón galego, como se pode ler no Boletín da Real Academia Galega).

mostras de cunchas nun perfil do Castro de Taramancos

O que tamén resulta moi importante son os depósitos de cunchas aparecidos, especialmente  cargados de ostras, berberechos e algo de ameixa, igualiño que noutros castros da contorna, como o de Neixón en Boiro ou o de Baroña en Porto do Son. Hai algunhas estruturas que están a chamar moito a atención aos arqueólogos, e non sería de estranar que nos desen unha grata sorpresa este verán.  

De todos xeitos, os arqueólogos están a comunicar os seus descobrementos á Dirección Xeral de Patrimonio e, se fora un país normal, procuraríase escavar o castro en toda a súa extensión, aínda que houbese que paralizar a obra da ponte sobre a Ría. Se puidemos estar dous milenios sen ela, por uns aniños máis non nos ía pasar nada [...]


 + INFO no site de: Certo, Xornal Virtual do Barbanza

Um comentário:

  1. Anônimo8/12/2011

    Se houbese unha auténtica intención de conservar eses restos arqueolóxicos a noticia sería esta "Restos arqueolóxicos poñen en perigo a construcción dunha ponte en Noia".
    Estatisticamente un cuncheiros, restos de tégula e un boquete nun castro galaico nunca foron motivo de preocupación para os que fan as estradas.

    ResponderExcluir

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.