30/06/2011

Os petróglifos esquecidos da Airoá


La Voz de Galicia
Monforte
29/6/2011

Só dúas parroquias de Chantada teñen gravados rupestres catalogados


En todo o municipio de Chantada só foron catalogados ata agora dous conxuntos de petróglifos. Un deles -a Pena das Mentiras, na parroquia de Vilaúxe- xa é coñecido desde hai bastante tempo. O outro está ubicado na localidade da Airoá, na parroquia de Pesqueiras, e foi inventariado por Patrimonio no 2009. Este último grupo de insculturas rupestres, non obstante, segue sendo descoñecido incluso para os veciños das cercanías.

Os petróglifos de Chantada están sendo estudados por Begoña González, licenciada en historia da arte que cursa un máster de arqueoloxía e realiza unha investigación sobre os gravados rupestres do sur lucense. Segundo explica, «os petróglifos da Airóa están entre os menos coñecidos e nin sequera os arqueólogos que traballan habitualmente nesta zona tiñan noticia deles».

Os gravados, engade González, presentan un deseño que permite encadralos aproximadamente entre o terceiro e o segundo milenio antes da era actual, un período que correspondería ao Calcolítico ou Idade do Bronce. Consisten en incisións redondas, do tipo coñecido como coviñas ou cazoletas, que se combinan con sulcos rectilíneos profundamente tallados na rocha. As inscricións están repartidas en dous penedos situados a poucos pasos un do outro e a uns trescentos metros das vivendas de Airoá.


Begoña González opina que no municipio de Chantada deben de existir máis conxuntos de petróglifos que nunca foron inventariados. «Se existen estes grupos en Airoá e Vilaúxe, o normal é que haxa máis por estas zonas, pero para localizalos habería que facer un rastreo prolongado polas parroquias e ir preguntando aos veciños que poidan saber onde hai penedos con gravados», sinala. «Aquí ninguén se preocupou aínda de facer buscas como as que realiza en Sober a asociación cultural O Colado do Vento, que xa logrou descubrir bastantes petróglifos nos últimos anos», agrega.

A investigadora ten previsto seguir traballando sobre o patrimonio prehistórico destas comarcas e contribuír á catalogación dos elementos que están sen inventariar. «Pretendo estudar non só os petróglifos de Chantada e doutros municipios da zona, senón tamén mámoas e castros que seguen sendo moi pouco coñecidos», afirma.


Ir a nova orixinal: La Voz

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.